Solapas principales

Continúa o “Canta con Ames” coa segunda xornada da fase de preselección que se realizará o venres 8 de xullo en Bertamiráns

Miércoles, 06 de julio de 2022

A segunda edición do concurso “Canta con Ames” comezou o pasado venres, 1 de xullo, no Milladoiro, coa primeira xornada da fase de preselección, que se realizou na praza de Manuel Murguía e na que participaron 11 persoas. O concurso continúa este venres, 8 de xullo, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, no que actuarán 14 participantes. En total, nesta edición hai inscritos un total de 25 participantes de 7 a 74 anos que están repartidos nas categorías infantil, xuvenil, sénior e súper sénior.

O “Canta con Ames” é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Logo do éxito da pasada edición, o pasado 6 de maio púxose en marcha a segunda edición deste certame, que este ano rebaixou a idade da categoría súper sénior para fomentar a participación nesta categoría e tamén se modificou a composición do xurado debido a que os membros da primeiro edición non podían repetir por motivos de traballo.

A primeira xornada da fase de preselección realizouse o pasado venres, 1 de xullo, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Nesta primeira xornada participaron 11 persoas. Na categoría infantil participaron Celeste Ramos, Julia Barreiro e Ana Ramos; mentres que na categoría xuvenil participaron Alejandra Formoso, María Iglesias, Noelia Ramos e Luciana. Por outra banda, participaron Elvira Otero, María Salaño e Marlon Steven, na categoría sénior; e Ruth González, na categoría súper sénior.

O concurso continúa este venres, 8 de xullo, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, no que actuarán outros 14 participantes. Na categoría infantil participarán Adriana Vigo, Antía Holovat, David Castiñeiras e Candela Caamaño, mentres que na categoría xuvenil farano Uxia Paz, Anxo Villanueva, Gabriela Muñoz e Paula Fernandez. Tamén participarán Alicia Celdrán, Cecilia Pampín, Montse Angueira e Rosa Arauzo, na categoría sénior, e Rosa Arauzo e José Rey, na categoría súper sénior.

Na fase de preselección os participantes teñen que interpretar unha canción en galego, castelán ou inglés. O xurado escollerá de entre os 25 participantes un máximo de 20 persoas por ambas xornadas, cinco por categoría. O 11 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 17 de xullo de 2022 as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, convida á veciñanza de Ames “a ver, gozar e pasar unha tarde diferente asistindo á segunda xornada de preselección do concurso Canta con Ames. Queremos que os 14 participantes sintan o cariño e o apoio dos veciños e das veciñas de Ames”. E engadiu, “non podemos esquecernos do motivo polo que nace este concurso que non é outro que animar as rúas de Ames e incentivar así as compras no comercio e na hostalería amesá”.

Semifinal do “Canta con Ames”
A semifinal será o 6 de agosto, ás 18.30 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total. Nesta ocasión os participantes interpretarán unha canción (ou segmento) en idioma galego, castelán ou inglés coa duración que determine xurado. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

Final do Canta con Ames
A gran final realizarase o 27 de agosto, ás 18.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Actuación da Panorama e dos/as gañadores do concurso “Canta con Ames”
Ademais dos premios recollidos nas bases da segunda edición do concurso Canta con Ames, os/as gañadores/as do certame poderán actuar como abreconcerto da orquestra Panorama, que estará o domingo 18 de setembro no Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Canta con Ames descubre prometedores talentos no eido da música este verán"

Imaxe da primeira xornada da fase de preselección que se realizou o venres 1 de xullo no Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da primeira xornada da fase de preselección que se realizou o venres 1 de xullo no Milladoiro
  • Imaxe da primeira xornada da fase de preselección que se realizou o venres 1 de xullo no Milladoiro
  • Imaxe da primeira xornada da fase de preselección que se realizou o venres 1 de xullo no Milladoiro
  • Cartel da segunda edición do concurso Canta con Ames