Solapas principales

O concerto do grupo La Nasa será a primeira parada dos “Seráns de Ames” en Bugallido, este xoves 14

Miércoles, 13 de julio de 2022

Este xoves 14 de xullo o campo da festa de Bugallido estrease como sede dos “Seráns de Ames”, que na súa segunda edición engade esta localización á xa habitual da praia fluvial de Tapia. O programa, que se desenvolverá ao longo de todas as tardes de xullo e agosto, acolle nesta ocasión un concerto do grupo La Nasa, no que colaboran as Concellarías de Cultura e de Mocidade, e que terá lugar a partir das 21:00 horas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.

No que é o seu segundo ano de existencia, o programa de verán “Seráns de Tapia”, desenvolvido en 2021 na súa praia fluvial, mudou de nome a “Seráns de Ames” ao incorporar unha nova parroquia do rural amesán. Deste xeito, Bugallido acolle esta semana a segunda proposta desta programación, que repartirá de xeito equitativo os oito xoves de xullo e agosto entre ambas parroquias, alternando unhas actividades que comezarán sempre a partir das 19:30 horas.

A estrea de Bugallido nos “Seráns de Ames” terá lugar este xoves 14 de xullo, a partir das 21:00 horas, cunha actividade na que colaboran as Concellarías de Cultura e de Mocidade. Tratarase dunha actuación musical do grupo La Nasa, unha banda formada por cinco músicos que pasaron polo local de ensaio municipal “A Factoría”, situado en Biduído, e que acabaron xuntando forzas para iniciar este novo proxecto.

Xa no ecuador de xullo, despois deste concerto restarán dúas propostas dos “Seráns de Ames” neste mes, que se completará en Tapia co espectáculo de danza-circo “SU.MA”, o xoves 21 ás 19:30 horas, e o xoves 28, de novo en Bugallido, con dúas sesións de narración oral, “A bibliotecaria estrafalaria”, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, e “Nabiza Girl”, de Isabel Risco, tamén ás 19:30 horas.

Novas relacionadas:

Enfoques: "El grupo La Nasa inaugura los conciertos de los “Seráns de Ames”"

O concerto do grupo La Nasa será a primeira parada dos “Seráns de Ames” en Bugallido, este xoves 14

Multimedia

  • O concerto do grupo La Nasa será a primeira parada dos “Seráns de Ames” en Bugallido, este xoves 14