Solapas principales

Reunión do Consello de Deportes para tratar futuros proxectos e os novos regulamentos de escolas e instalacións deportivas

Jueves, 14 de julio de 2022

Representantes dos partidos políticos da Corporación municipal, dos clubs deportivos amesáns e da comunidade educativa asistiron o pasado mércores 6 de xullo a unha nova xuntanza do Consello de Deportes. Alí foron expostos os novos regulamentos das escolas e das instalacións deportivas, aprobados de xeito unánime no pleno ordinario do 30 de xuño. Ademais, tratáronse futuros investimentos, entre os que destacou a creación dun novo pavillón en Bertamiráns, para a que xa está encargada o anteproxecto, así como outras actuacións no Milladoiro e nas parroquias de Biduído e Ortoño.

O Consello de Deportes vén de celebrar a semana pasada unha nova xuntanza, que se desenvolveu no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, coa asistencia de clubs deportivos, comunidade educativa e os partidos políticos con representación na Corporación municipal. Na reunión tratáronse temas en relación co funcionamento das escolas deportivas municipais e compartíronse as últimas actuacións de mellora nas instalacións deportivas, así como outros proxectos de cara ao futuro.

Deste xeito, expuxéronse os dous novos regulamentos aprobados por unanimidade no pleno ordinario de xuño, celebrado o pasado día 30, que servirán para regular tanto as instalacións como as escolas deportivas municipais. Sobre as escolas, fixouse unha xuntanza para o mes de agosto, con fin de preparar a xestión e o desenvolvemento do curso 2022-2023 de xeito conxunto cos clubs e asociacións deportivas. Ademais destas novas normativas, presentáronse aos clubs e asociacións as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades, e compartíronse propostas de subvencións a clubs a medio prazo.

Na xuntanza tamén se trataron varias obras e investimentos que afectan á área de Deportes, algunhas xa realizadas e outras en forma de futuros proxectos, recollidos no Plan Ames Progresa, no plan POS da Deputación da Coruña ou nos propios orzamentos municipais. O anuncio máis destacado foi o encargo do anteproxecto dun novo pavillón polideportivo en Bertamiráns, que se adapte ás necesidades actuais da veciñanza e da actividade deportiva do concello.

O concepto inicial do futuro polideportivo recolle un espazo que acolla a 1.000 persoas, con gradas retráctiles e espazos propios para os clubs e asociacións, nos que manter xuntanzas e realizar actividades de xestión. De xeito paralelo, avanzouse o cambio de cuberta do pavillón actual, co fin de protexer de xeito máis eficaz o seu pavimento de madeira.

Outra das actuacións citadas na reunión foi a mellora no campo de fútbol de Ortoño, en desuso na actualidade, onde está previsto reformar o espazo para crear unha pista de patinaxe e unha superficie multideporte, ademais de melloras no acceso ao recinto. Tamén se anunciou un investimento na parroquia de Biduído, no seu campo de lanzamentos.

Ademais, comentáronse unha serie de proxectos no Milladoiro, como a cuberta das canchas deportivas, a construción dunha pista de pádel e de skate, a realización de mellores térmicas e acústicas no pavillón, ou a reforma da piscina municipal ao remate do verán.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Consello de Deportes saca a relucir o pavillón e a pista de patinaxe"

Imaxe da área deportiva de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe do pavillón polideportivo de Bertamiráns