Solapas principales

Ames reduce o seu consumo de agua en máis do 5% coa campaña “Augaconsellos”

Sábado, 16 de julio de 2022

O Concello de Ames vén desenvolvendo dende comezos de xuño a campaña informativa “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións para a veciñanza para facer un uso responsable da auga durante o verán. Neste senso, dende a súa posta en marcha, o consumo de auga diario no concello reduciuse nun 5,36%, unha baixada de 283,4 metros cúbicos con respecto ao ano anterior. No aforro no uso de auga destaca Bertamiráns e a súa contorna, na que o consumo caeu nun 10%. Malia estes bos resultados, o Concello segue pedindo a implicación e a participación da veciñanza para facer un uso moderado e responsable de auga, nun período estival especialmente seco e marcado polas altas temperaturas. A vindeira semana publicarase un bando municipal para incentivar que a veciñanza amesá reduza o consumo de auga.

Malia que as reservas de auga dos encoros continúan nunha situación estable, os caudais dos ríos continúan por debaixo da media neste verán de 2022, que nos últimos días está a deixar unha vaga de calor excepcional, marcando récords de temperaturas máximas e mínimas ao longo do país. Neste senso, a auga que se consume no concello de Ames é captada do río Tambre, que de momento non sofre problemas de seca, mais cómpre manter a prudencia e a responsabilidade ao longo desta época estival.

Con este obxectivo, o Concello de Ames lanzou a comezos de xuño a campaña “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións e medidas para animar á veciñanza a facer un uso responsable e moderado da auga. A través desta campaña achéganse varios “augaconsellos”, como usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo e limpeza das rúas.

Deste xeito, e dende que arrincou a campaña, o consumo diario de auga no concello de Ames viuse reducido nun 5,36%, o que supón un recorte de 283,4 metros cúbicos con respecto ao ano anterior. A maior baixada deuse en Bertamiráns e na súa contorna, onde o uso de auga baixou un 10% ata os 2.000 metros cúbicos diarios, un aforro de máis de 220.000 litros. Por outra banda, O Milladoiro e os seus arredores recortou o consumo nun 2%, baixando aos 3.000 metros cúbicos por día, uns 61.000 litros menos por xornada menos que antes do comezo da campaña.

Ademais dos esforzos da veciñanza, dende o propio Concello tamén se adoptaron unha serie de medidas para reducir o consumo de auga, como controlar e reducir o rego dos xardíns e das zonas verdes municipais públicas. Ademais, a empresa Urbaser, concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, reduciu a cantidade de auga potable que gasta nos baldeos e servizos de limpeza que realiza polas rúas, beirarrúas e nas prazas municipais.

A implicación e participación veciñal no coidado deste recurso é imprescindible para acadar un bo resultado e por iso o Concello de Ames fai un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga. Neste senso a vindeira semana publicarase un bando municipal para incentivar que a veciñanza amesá reduza o consumo de auga.

Neste senso pronunciouse o alcalde de Ames e concelleiro de Servizos Básicos, Blas García. “De seguir este tempo pode haber problemas coa auga despois de verán, polo que é importante que a veciñanza se implique e siga estes consellos. Son pequenos detalles que ao final se todos e todas os facemos acaban sendo un aforro importante. O caudal do río Tambre é baixo e podemos chegar a situacións no mes do setembro no que teñamos que facer restricións no subministro, por iso é necesario concienciarse e facer un esforzo para aforrar auga”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames rebaja un 5,36 % el gasto diario de agua tras la campaña municipal «Augaconsellos»"

El Correo Gallego: "Augaconsellos para evitar un gasto innecesario ante a vaga de calor deste verán"

Cartaz da campaña para facer un uso responsable da auga durante a época estival

Multimedia

  • Cartaz da campaña para facer un uso responsable da auga durante a época estival