Solapas principales

Danza e circo en Tapia con “Ikigai” da compañía SU.MA, este xoves 21 nos “Seráns de Ames”

Miércoles, 20 de julio de 2022

A praia fluvial de Tapia acolle este xoves 21 a terceira parada da programación de verán “Seráns de Ames”, un programa que ao longo de todas as tardes de xullo e agosto levará diferentes actividades para todos os públicos ás parroquias de Bugallido e Tapia. Nesta terceira semana de propostas será a quenda das artes escénicas, co espectáculo de danza-circo “Ikigai” da compañía SU.MA, que terá lugar ás 19:30 horas. A actuación, organizada pola Concellaría de Cultura, forma parte do programa “Cultura no Camiño 2022” da Xunta de Galicia. Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.

As artes escénicas volven á programación cultural amesá na terceira semana dos “Seráns de Ames”, nesta ocasión cun espectáculo que combina danza, circo, teatro e clown dirixido a todos os públicos. Trátase de “Ikigai”, a primeira proposta da compañía SU.MA, nada en 2019 e composta pola música e bailarina María Move e a trapecista e actriz Sue Moreno. A obra foi estreada en xuño de 2020, un ano no que recibiu o Premio do público no Festaclown de Vilagarcía de Arousa.

En “Ikigai”, un espectáculo de danza e circo, dúas personaxes crean mundos de fantasía, combinando xogo e imaxinación con acrobacias e música. O título vén dun concepto xaponés similar á nosa idea de destino, de razón de ser ou de vivir, e define o contido da obra. Precisamente, SU.MA busca que nos preguntemos cal é o noso “ikigai”, cuestionando como nos enfrontamos aos conflitos, decisións e dificultades que forman parte do noso día a día.

A representación de “Ikigai” é a terceira das oito propostas que compoñen a programación dos “Seráns de Ames”, que se desenvolverá ao longo de todos os xoves de xullo e agosto, alternando actividades entre a praia fluvial de Tapia e o campo da festa de Bugallido. A última parada de xullo será precisamente en Bugallido, o xoves 28, on dúas sesións de narración oral, “A bibliotecaria estrafalaria”, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, e “Nabiza Girl”, de Isabel Risco, a partir das 19:30 horas. O programa volverá a Tapia o 4 de agosto, coa representación de “A illa do tesouro”, tamén ás 19:30 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A praia fluvial de Tapia acollerá a obra ‘Ikagai’"

Danza e circo en Tapia con “Ikigai” da compañía SU.MA, este xoves 21 nos “Seráns de Ames”

Multimedia

  • Danza e circo en Tapia con “Ikigai” da compañía SU.MA, este xoves 21 nos “Seráns de Ames”
  • Danza e circo en Tapia con “Ikigai” da compañía SU.MA, este xoves 21 nos “Seráns de Ames”
  • Danza e circo en Tapia con “Ikigai” da compañía SU.MA, este xoves 21 nos “Seráns de Ames”