- Tematica
A artista amesá Ana Rosa Lista vén de participar na Mostra Internacional de Renda de Bilros de Peniche, en Portugal, que regresou nesta pasada fin de semana, do 15 ao 17 de xullo, dous anos despois da súa última edición. A palilleira representou a Ames cun “stand” no que mostrou unha escolma do seu traballo, xunto a outras artesás de ata 12 países. O encaixe galego foi o máis presente nesta exposición internacional, con postos de artesanía de Ames, Mos, Muxía e Ourense.
A palilleira amesá Ana Rosa Lista e unha selección da súa obra viaxaron esta fin de semana a Portugal, á vila de Peniche, para formar parte unha edición máis da Mostra Internacional de Renda de Bilros, que se celebrou tras dous anos de parón pola pandemia entre os días 15 e 17 de xullo. Peniche, que conta cunha gran tradición no encaixe ou “renda de bilros”, acolleu na súa exposición a artistas de 12 países e unha serie de actividades, talleres, desfiles e actuacións.
Neste senso, Ana Rosa Lista foi unha das seleccionadas para mostrar os seus traballos, que beben de tradicións tan dispares como a galega, a holandesa, a rusa ou a italiana, e que combina con técnicas máis modernas e novidosas. Xunto a ela, o encaixe galego contou coa representación máis numerosa, con “stands” de artesás de Mos, Muxía e Ourense. A vila catalá de Arenys de Mar tamén contou con representación, ao igual que outros 11 países, como Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Inglaterra, Italia, Gales, Malta, Polonia e Portugal.
Ana Rosa Lista, formada na Escola Holandesa do Encaixe, ten realizado cursos de mestras tan destacadas como son Mariña Regueiro e Lia Baumaister-Jonkers. Imparte aulas na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa, situada nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño, así como no local social da Tarroeira, na mesma parroquia, e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Ademais tamén realiza obradoiros e charlas en diferentes puntos da xeografía galega, española e en países europeos.
Recentemente, no pasado mes de abril, a artista mostrou en Ames algúns dos seus últimos traballos, coa exposición “Fiando Recordos”, un proxecto realizado ao longo de tres anos de traballo e que bebe da obra do deseñador, artista e xornalista galego Luis Seoane, e que puido visitarse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, antes de que a mostra viaxara ao Museu d’Arenys de Mar, en Barcelona.
Na actualidade, a palilleira está envolta en novos proxectos e colaboracións, entre as que destaca un traballo inspirado na obra da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que documentou para a Hispanic Society of America a vida en Galicia de comezos de século XX, e pola que coñecemos a día de hoxe unha parte importante da nosa historia recente. Lista presentará este proxecto no mes de agosto en Pontevedra.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Encajes de Ames inspirados en la obra de la fotógrafa Ruth Matilda Anderson"
El Correo Gallego: "O encaixe galego viaxa a Portugal"