Solapas principales

O Concello de Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14

Jueves, 11 de agosto de 2022

Fernando Seoane, veciño de Tapia e segundo xogador con máis partidos disputados na Segunda División de fútbol foi recibido, esta mañá, no  Concello de Ames pola Corporación Municipal como recoñecemento a súa longa e exitosa traxectoria. A homenaxe a Fernando Seoane continuará este domingo, 14 de agosto, ás 19:00 horas cun partido que se vai disputar no campo de fútbol de Bertamiráns no marco das festas da Peregrina. Este partido homenaxe enfrontará ao CD Lugo, o último club en que xogou Fernando Seoane, e a unha selección de Ames formada por amigos e antigos compañeiros do homenaxeado.  A entrada para asistir ao partido é de balde.

Esta mañá o salón de plenos do Concello de Ames acolleu a presentación dun partido homenaxe a Fernando Seoane Antelo, veciño de Tapia e ex-futbolista profesional. Seoane, puxo o pasado mes de xuño fin a súa traxectoria futbolística logo de toda unha vida vencellado a este deporte. Fernando Seoane deixou o fútbol co récord de ser o xogador con máis partidos xogados no CD Lugo en Segunda División con 351 partidos. Ademais, é o segundo xogador con máis partidos disputados na Segunda División, un total de 426.

Seoane comezou a súa traxectoria profesional no ano 2003 como xogador do Compostela, estreándose así na Segunda División. A tempada seguinte deixou o equipo santiagués e fichou polo Alavés B; despois pasou por equipos como o Burgos, o Écija ou Nástic; todos eles na división de prata.  Foi en 2009 cando fichou polo Lugo, club onde xogou durante 10 tempadas e club onde se despediu do fútbol.  

Precisamente, para recoñecer o traballo e os logros acadados ao longo de toda a súa carreira e para agradecerlle ter levado o nome de Ames por toda España o Concello de Ames organiza un partido homenaxe a Fernando Seoane que se vai disputar este domingo, 14 de agosto, ás 19:00 horas entre o CD Lugo e unha selección de xogadores de Ames no campo de fútbol de Bertamiráns. Ao acto de presentación asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o homenaxeado, Fernando Seoane e Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC, que colabora na posta en marcha do encontro.

O acto abriuno a concelleira de Deportes, Susana Señorís, que quixo convidar a toda a veciñanza a asistir a este partido homenaxe. “É a primeira vez que se celebra un evento destas características, así que, quero convidar a todos os veciños e veciñas, amantes ou non do fútbol, e a toda a xente que coñeza a Fernando a asistir a este partido para animar a esa selección de Ames, froito da escolma de xogadores de distintos equipos, pero sobre todo para arroupar a Fernando”.

A continuación Blas García, alcalde de Ames, explicou o porqué desta homenaxe. “Fernando é un orgullo porque estivo en distintos clubs por toda España e sempre levou o nome de Ames por aí adiante. En calquera xornal ou calquera ficha deportiva vén o seu nome xunto ao do concello, algo que por desgraza non sempre sucede así. O mellor lugar para homenaxealo é onde el mellor se desenvolve, que é no campo de fútbol. No lugar do encontro que tradicionalmente se xoga nas festas de Peregrina, este ano decidimos homenaxear a Fernando cun partido co CD Lugo, o seu último club e onde máis xogou, e máis cunha selección de xogadores do concello, e cun adestrador moi vinculado a Ames como Javi Touriño. Vai ser un día festivo, de alegría, no que o concello de Ames e os nosos clubs imos facer unha homenaxe a unha persoa humilde, sinxela e que sempre traballou e loitou polo que lle gusta”.

Por último, Fernando Seoane amosou o seu agradecemento ao Concello de Ames por esta homenaxe. “Estou moi agradecido por este recoñecemento, a min este tipo de cousas supérame porque non creo que o mereza, así que valóroo moito”. E engadiu “para min é algo moi bonito pois é unha oportunidade estupenda para volver xogar cos amigos de toda a vida, con compañeiros e veciños e recordar aqueles tempos nos que xogábamos no instituto e no colexio”. Seoane rematou convidando a toda a veciñanza a achegarse o domingo 14 ata o campo de fútbol de Bertamiráns “para pasar unha tarde agradable vendo algo de fútbol e botando unhas risas”.

Recepción institucional da Corporación Municipal
Previo á presentación do partido homenaxe a Corporación Municipal de Ames fixo unha recepción institucional a Fernando Seoane e á súa familia. Un acto ao que asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Beatriz Martínez, concelleira de Mobilidade; Natividade González, concelleira de Cultura; Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e  Pablo Beiroa, concelleiro do PP de Ames.

Nesta recepción os membros da Corporación tomaron a palabra para recoñecer a traxectoria profesional de Fernando Seoane e agradecerlle ter levado o nome de Ames por toda España. A continuación, o alcalde de Ames, Blas García, fíxolle entrega de varios agasallos.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames homenajea al exjugador del Lugo Seoane"

El Correo Gallego: "Éxito na homenaxe feita o gran Fernando Seoane"

AMSGO!: "Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14"

O Concello de Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14

Multimedia

  • O Concello de Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14
  • O Concello de Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14
  • O Concello de Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14
  • O Concello de Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14
  • O Concello de Ames homenaxea a Fernando Seoane cun partido ante o CD Lugo este domingo 14