Solapas principales

3.837 alumnos/as de educación infantil, primaria e secundaria iniciaron hoxe o curso escolar en Ames

Jueves, 08 de septiembre de 2022

Un total de 3.837 nenos/as e mozos/as do concello de Ames deron comezo esta mañá a un novo curso escolar. Os colexios, a escola de educación infantil do Milladoiro, as escolas unitarias e mailos institutos abriron as súas portas con total normalidade. Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación nos centros escolares do municipio. 2.165 alumnos/as están matriculados en escolas e colexios públicos de infantil e primaria, mentres que 1.332 rapaces e rapazas están matriculados nos dous institutos amesáns. Ademais, hai que engadir 340 rapaces e rapazas que cursan estudos de infantil primaria e secundaria no colexio Alca, que é o único centro concertado do concello.

Esta maña botou a andar o curso escolar 2022-2023 nos centros escolares de infantil,  primaria e secundaria. O inicio do curso comezou con normalidade en todos os centros de ensino do municipio. A Policía Local realizou un operativo especial co obxectivo de regular o tráfico nas entradas dos colexios. Neste curso escolar, que vén de comezar nos centros de Ames, hai escolarizados 3.837 nenos/as e mozos/as que cursarán estudos de infantil, primaria e secundaria.

Os 2.165 rapaces e rapazas que cursan estudos de educación infantil e primaria están repartidos nos 7 centros públicos do municipio. O CEP de Ventín é o que maior número de alumnado ten matriculado con 592 rapaces e rapazas. A continuación, séguenlle de preto dous CEIP de Bertamiráns como son A Maía con 540 alumnos/as e Agro do Muíño con 501 nenos e nenas matriculados/as. Ademais, na EEI Milladoiro hai 280 nenos e nenas matriculados e o CEIP de Barouta cota con 221 alumnos/as. Nas dúas escolas unitarias que seguen funcionando no concello hai 31 alumnos/as (15 na escola unitaria de Covas e 16 na escola de Ortoño).

Por outra banda, hoxe tamén comezou o curso escolar nos centros de educación secundaria. Nos institutos de Ames hai matriculados 1.332 mozos e mozas: 790 no IES de Ames, situado en Bertamiráns, 542 no IES Milladoiro. Por último, hai que engadir 340 alumnos/as matriculados no colexio Alca, que é o único centro concertado de Ames no que se cursan estudos de infantil, primaria e secundaria.

Visita institucional ao CEP de Ventín
Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, acompañado do concelleiro de Educación, David Santomil, e do concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, estiveron co director do CEP de Ventín, Alfredo Rodríguez. En dita visita estiveron conversando co director do centro e vendo as instalacións do colexio que se foron mellorando nos últimos cursos. Neste senso hai que destacar que neste centro, o Concello acondicionou o pavimento do patio cuberto. No marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación nos centros escolares do municipio.

O concelleiro de Educación, David Santomil, explica que o curso escolar comezou con total normalidade nos centros educativos de Ames. “Hoxe é un día de celebración no que comezan un novo curso todos os ciclos non universitarios do concello, e facémolo coa mesma situación previa á pandemia. Máis tamén é un día de reivindicación, e facémolo dende o CEP de Ventín, un centro escolar cun elevado volume de alumnado que agarda pola construción dun novo CEIP para O Milladoiro que a Xunta de Galicia leva atrasando máis de dous anos dende que cedemos a parcela”.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que o Concello de Ames está traballando para dotar ao núcleo do Milladoiro dun carreiro escolar que conecte a zona norte do Milladoiro co CEP de Ventín. “O proxecto de creación de carreiros escolares no Milladoiro e Bertamiráns está incluído na EDUSI Impulsa Ames e cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Primer día de colegio en Santiago: «É unha volta feliz, os nenos vense as caras»"

El Correo Gallego: "Preto de 4.000 alumnos amesáns voltan ao cole"

Imaxe da visita ao CEP de Ventín

Multimedia

  • Imaxe da visita ao CEP de Ventín
  • Imaxe do CEP de Ventín
  • Embedded thumbnail for