- Tematica
Segundo a avaliación feita por Dyntra, un portal de observación social da transparencia e da ética pública, o Concello de Ames é a terceira institución municipal máis transparente de Galicia e ocupa o posto 117 de España. O Concello conta con 92 dos 162 indicadores publicados, co que alcanza unha porcentaxe de transparencia do 56,79%, segundo o índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios), que inclúe aos municipios de máis de 15.000 habitantes. A avaliación feita por Dyntra está dividida en 6 apartados, nos cales o Concello de Ames obtén a seguinte puntuación: Transparencia municipal, 62%; Participación e colaboración cidadá, 48%; Transparencia económico – financeira, 52%; Contratación de servizos 62%; Urbanismo e obras públicas 60 %; e Open Data, 0%.
O portal de auditoría e observación social Dyntra vén de publicar a última avaliación realizada en materia de transparencia ao Concello de Ames, que o sitúa como o terceiro Concello máis transparente dos 34 municipios galegos de máis de 15.000 habitantes, cunha puntuación do 56,79%. Só superado nesta listaxe polos Concellos da Coruña e de Pontevedra, Ames ocupa o posto 117 no ránking de España.
O portal web municipal actual, xestionado polo departamento de Comunicación e posto en marcha en xuño de 2019, aposta por potenciar os contidos de transparencia para cumprir cos índices da organización Transparencia Internacional. Deste xeito, estes contidos poden atoparse tanto no apartado de Transparencia coma no de Organización municipal, no que se trata de estruturar e clasificar as seccións da maneira máis clara posible, co fin de facilitar a súa accesibilidade á veciñanza. Ademais, o Concello publica dende 2017 a información da xestión orzamentaria municipal na web dos Orzamentos Abertos, baseada nos principios de transparencia, eficiencia, participación e consulta.
A avaliación feita por Dyntra está dividida en 6 apartados, nos cales o Concello de Ames obtén a seguinte puntuación: Transparencia municipal, 62%; Participación e colaboración cidadá, 48%; Transparencia económico – financeira, 52%; Contratación de servizos 62%; Urbanismo e obras públicas 60 %; e Open Data, 0%. A avaliación da transparencia está baseada no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios).
Segundo as avaliacións realizadas pola auditoría, a transparencia do Concello de Ames evolucionou de xeito positivo dende 2015, cando foi creado o Portal de Transparencia. O primeiro resultado da serie histórica, recollido en outubro de 2015, foi do 16,78%, un dato que melloraría ao 29,45% nun ano, en setembro de 2016, e que acabaría de repuntar a partir de 2019, coa implantación da nova páxina web municipal e do novo Portal da Transparencia. No anterior balance ao actual, publicado en xullo de 2020, o Concello de Ames conseguía unha nota lixeiramente superior, do 57,67%.
A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, quixo valorar o traballo realizado en materia de transparencia nos últimos anos polo Concello de Ames. “Dende esta Concellaría e o Concello seguimos traballando na creación de mecanismos que permitan manter a confianza nas institucións, ampliando os estándares de conduta e as actitudes éticas dos cargos públicos, e desenvolvendo iniciativas vinculadas ao acceso a información pública e a dación de contas para ser referentes en materia de transparencia institucional”.
Na mesma liña pronunciouse a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, que puxo en valor “o esforzo do persoal do departamento de Comunicación, xa que manter estes estándares non sería posible sen a constante actualización de contidos e a implicación dunha área que conta con moi poucos recursos humanos”.
Apartados avaliados por Dyntra
Cunha valoración do 61,54%, O apartado de Transparencia municipal está dividido en diferentes seccións: información sobre os cargos electos e persoal do Concello (54,55%, con 18 de 33 indicadores); información sobre a organización e o patrimonio do Concello (70%, con 7 de 10 indicadores); información sobre as normas e institucións municipais (81,82%, con 9 de 11 indicadores), e planificación e organización do Concello (54,55% con 6 de 11 indicadores).
En segundo lugar, o apartado Participación e colaboración cidadá conta cunha porcentaxe do 48,48%. Nesta sección avaliouse a información e atención ao cidadán, que conta cunha porcentaxe de transparencia do 63,64% con 7 de 11 indicadores, e o grao de compromiso para e coa cidadanía, cunha porcentaxe do 40,91% e 9 de 22 indicadores publicados.
Por outra banda, no apartado de Transparencia económico – financeira, que conta cunha porcentaxe de transparencia do 51,85%, analizáronse catro sub-apartados: información contable e orzamentaria, cun 40% (2 de 5 indicadores publicados); transparencia nos ingresos e gastos municipais, cunha porcentaxe do 20% (1 de 5 indicadores publicados); transparencia nas débedas municipais, cun 25% de transparencia (1 de 4 indicadores publicados); e información económica e orzamentaria, cunha porcentaxe do 76,92% (10 de 13 indicadores publicados).
O apartado mellor valorado é o de Contratación de servizos, que dispón dunha porcentaxe de transparencia do 62,5%. Nel avaliáronse os procedementos de contratación de servizos, que ten unha porcentaxe de transparencia do 100% con 3 de 3 indicadores publicados; as relacións e operacións con provedores e contratistas, que tamén conta cun 100% de transparencia con 2 de 2 indicadores publicados; e os contratos, convenios e subvencións, cunha porcentaxe de transparencia do 45,45% e 5 sobre 11 indicadores.
Ademais, no apartado de Urbanismo e Obras públicas disponse dunha porcentaxe de transparencia do 60%. Esta sección inclúe os sub-apartados de plans de ordenación urbana e convenios urbanísticos, cun 100% de transparencia (4 de 4 indicadores); decisións sobre recalificacións e adxudicacións urbanísticas, cun 50% (1 de 2 indicadores); anuncios e licitacións de obras públicas, cun 75% (3 de 4 indicadores); información sobre concorrentes, ofertas e resolucións, cun 100% (2 de 2 indicadores); seguimento e control da execución de obras, cun 40% (2 de 5 indicadores), e indicadores sobre urbanismo e obras públicas, cun 0% e 0 de 3 indicadores publicados.
Por último, o Concello de Ames non cumpre o apartado de Open Data, ao non contar cunha plataforma open data e ter publicados a maior parte dos seus documentos en formato aberto.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Un portal sitúa a la capital maiana como el tercer municipio más transparente"
La Voz de Galicia: "Ames, tercer concello más transparente de Galicia y Santiago es duodécimo"
AMSGO!: "Ames acada o podio da transparencia municipal en Galicia"