- Tematica
Este venres, 14 de outubro, o Concello de Ames e maila empresa amesá do sector da tecnoloxía, Tecalis, que ten a súa sede no parque empresarial do Milladoiro, van a participar en Valencia na sexta edición de Innpulso Emprende, o evento máis representativo da Rede Innpulso, que ten como obxectivo principal facilitar o encontro entre responsables municipais e o tecido emprendedor, á vez que se premian as iniciativas máis innovadoras dos distintos municipios. Acudirán o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, e maila directora de asuntos corporativos e gobernanza, Berta Caro.
O encontro, promovido pola Rede Innpulso e o Ministerio de Ciencia e Innovación, celebrarase no espazo Veles e Vents, na Mariña de Valencia, e conta neste caso coa colaboración do Concello de Valencia, o centro de innovación Las Naves e Valencia Activa.
Innpulso Emprende reúne anualmente a alcaldes e alcaldesas das cidades pertencentes á Rede Innpulso coas pemes, micropemes e startups máis innovadoras que foron seleccionadas por cada unha das cidades. Así, o encontro facilita o achegamento entre pemes innovadoras a nivel nacional, potencia o intercambio de experiencias na promoción e o apoio á innovación desde a administración e, en definitiva, posiciona e impulsa ás pemes innovadoras pertencentes ás cidades Innpulso, dándolles visibilidade para facilitar o seu acceso a mercados potenciais e posibles investimentos.
O evento constará de tres bloques de presentacións nos que as empresas, acompañadas polo alcalde ou a alcaldesa do seu municipio, deberán defender o seu proxecto nun prazo de tempo reducido. Entregaranse dous premios, un deles será para o proxecto máis innovador no ámbito da innovación social, e o outro será para o proxecto máis innovador no ámbito da innovación tecnolóxica. Ademais, haberá unha mención especial para a empresa máis “Influencer”, é dicir, aquela que xerase maior tráfico e interacción en redes sociais.
Como complemento ao evento, as empresas participantes en Innpulso Emprende terán tamén a oportunidade de participar no VLC Startup Market, un gran escaparate para empresas innovadoras e tecnolóxicas que, promovido por Valencia Activa, celebrarase ao longo de toda a fin de semana nas rúas da cidade.
Avatar Identity Technology
O Concello de Ames participará no evento xunto coa empresa amesá Tecalis, que ten a súa sede no parque empresarial do Milladoiro e que está especializada no sector tecnolóxico. O director xeral de Tecalis, Isidoro Martínez, e mailo alcalde de Ames, Blas García, presentarán o proxecto Avatar Identity Technology. Trátase dun proxecto que está desenvolvendo dita empresa para identificar e verificar a identidade dos avatares nas cidades do metaverso. O obxectivo é certificar calquera perfil dixital no universo virtual.
Trátase da primeira tecnoloxía de identificación de identidade de avatares no metaverso. Na actualidade existen organismos a nivel mundial que están replicando no metaverso as súas cidades para tratar de mellorar os sistemas de transporte, resolver problemas de tráfico, xerar novos modelos de xeración de enerxía, mellorar o seu modelo urbanístico, etc. A Avatar Identity Technology permitirá dispor de perímetros organizados de seguridade no metaverso.
A fraude de identidade é cada vez máis frecuente en calquera ámbito e espazo tecnolóxico actual, e o eminente metaverso preséntase como un dos espazos que poderán sufrilo facilmente. Este espazo na nube estará marcado polos avatares, as identidades e as novas relacións tecnolóxicas pero, como estaremos seguros de que o outro é quen di ser. Mediante técnicas avanzadas baseadas en intelixencia artificial e machine learning, realízanse os controis e comprobacións necesarias en tempo real, para proceder á certificación de que ese avatar é quen di ser. Tecalis é a primeira empresa a nivel mundial que está traballando para desenvolver esta tecnoloxía.
O rexedor municipal, Blas García, destaca que “Ames, que forma parte da rede Innpulso desde o ano 2018, quere amosar a potencialidade do noso concello na materia das comunicacións e as tecnoloxías, no que contamos con varias empresas punteiras neste importante sector”.
Cidades intelixentes e climaticamente neutras
Esta sexta edición de Innpulso Emprende, que contará coa participación de 53 cidades pertencentes á Rede Innpulso, entre elas o Concello de Ames, volverá a tratar por segundo ano ao redor da Misión de Cidades intelixentes e climaticamente neutras (100 Climate-neutral Cities by 2030 – by and for the Citizens) impulsada pola Comisión Europea.
A misión ten como obxectivo apoiar, promover e guiar a 100 cidades europeas na súa transformación sistémica cara á neutralidade climática para 2030, convertendo en centros de innovación a todas as cidades. Os obxectivos da misión inclúen fomentar unha transición xusta para mellorar a saúde e o benestar das persoas e achegar numerosos beneficios adicionais á devandita transición, tales como a mellora da calidade do aire, a creación de emprego e estilos de vida máis saudables.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Un buque insignia local de la tecnología y Concello llevan la innovación a Valencia"