Solapas principales

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu "La España despoblada", un foro impulsado pola Cadena Ser

Jueves, 27 de octubre de 2022

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu esta mañá o foro “La España despoblada”, unha iniciativa da Cadena Ser que pretende poñer o foco nos retos aos que se enfrontan os cidadáns para conciliar entre a vida laboral e familiar, especialmente nos municipios con núcleos rurais, así como os obxectivos a fixar para revitalizar as zonas despoboadas. Ames foi o escenario escollido para retransmitir o foro por tratarse dun referente en medidas de conciliación.

A Cadena Ser presentou hoxe no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o foro “La España despoblada”, que se celebra por terceira ocasión en Galicia. Nesta ocasión, a temática xirou en torno ás necesidades ás que se enfrontan os habitantes do rural para conciliar. Destacou a presenza do conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González Vázquez, do alcalde de Dodro, Xabier Castro, do alcalde de Ames, Blas García, e do subdirector de Mobilidade de Terras da Xunta de Galicia, Alfredo Fernández Ríos.

Abriu o foro ás 10:00 horas a xornalista Macarena Berlín, que foi a encargada de introducir o tema e presentar aos participantes das mesas redondas. Tamén agradeceu ao Concello de Ames a súa acollida.

Deseguido, interviu o alcalde de Ames, Blas García, que inaugurou a xornada agradecéndolle á Cadena Ser que escollese Ames como escenario protagonista do foro e recordando as políticas de conciliación que hai postas en marcha no concello. “É unha honra servir de anfitrión para este foro nun lugar como Ames, porque somos un referente en conciliación, temos programas como as Tardes divertidas ou os Bos días, ademais de Escolas deportivas e moitas actividades máis”, declarou.

O rexedor municipal aproveitou tamén para poñer en valor as medidas de revitalización das zonas rurais do municipio. “Apostamos polo rural, con programas como o de limpeza do interior dos núcleos rurais ou co novo contrato de limpeza viaria, que puxemos en marcha este ano e que inclúe ás zonas rurais”, afirmou.

Ás 10:15 horas deu comezo a primeira mesa redonda, na que interviñeron a coordinadora de Mulleres de seu (o grupo para o empoderamento feminino de Cooperativas Lácteas Unidas), Carmen Rodríguez; a deputada de Benestar Social da Deputación da Coruña, Ana Lamas; e a gandeira Ana Corredoira. As participantes fixeron fincapé no desafío que supón conciliar para os habitantes dos núcleos máis despoboados, así como nas dificultades específicas ás que se enfrontan as mulleres das zonas rurais.

A continuación, participaron o subdirector de Mobilidade de Terras da Xunta de Galicia, Alfredo Ríos, e Xosé Ramón Novoa, responsable do proxecto Ruta N-VI.

Posteriormente, os alcaldes de Ames e de Dodro, Blas García e Xabier Castro, puxeron de manifesto as preocupacións dos concellos de cara a recuperar a actividade no rural, e explicaron as medidas que se están levando a cabo en ambos municipios para frear o éxodo rural e para potenciar a natalidade, animando a outros gobernos locais a seguir o seu exemplo.

Para pechar a xornada interviu o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, que presentou a Lei de recuperación da terra agraria e detallou cales son os pasos que se están a seguir en Galicia para dinamizar o territorio e aumentar a competitividade do sector agrario.
 

O foro xirou en torno ás dificultades da conciliación e contou coa participación de mulleres do rural

Multimedia

  • O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu "La España despoblada", un foro impulsado pola Cadena Ser
  • O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu "La España despoblada", un foro impulsado pola Cadena Ser
  • O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu "La España despoblada", un foro impulsado pola Cadena Ser
  • O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu "La España despoblada", un foro impulsado pola Cadena Ser
  • O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu "La España despoblada", un foro impulsado pola Cadena Ser