Solapas principales

Están executándose as obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín nas que se invisten 230.000 euros

Miércoles, 30 de noviembre de 2022

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, achegouse onte 29 de novembro ata o lugar de Ventín, na parroquia de Biduído, co fin de revisar as obras de pavimentación de interiores e accesos que se están executando neste lugar. O proxecto, que está sufragado con cargo ao POS+ Adicional 2/2021 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones Agra Castro SL por un importe de 230.000 euros, IVE incluído. A actuación inclúe a mellora dos viarios de acceso dende o leste e o sur do lugar, a renovación do pavimento dos interiores e maila apertura de gabias, co fin de mellorar a funcionalidade e a seguridade das vías. O alcalde estivo acompañado do concelleiro do Rural, Santiago Márquez, de persoal municipal e de representantes da empresa adxudicataria da obra.

Este pasado martes pola mañá, o alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e mailo concelleiro do Rural, Santiago Márquez, achegáronse ata o lugar de Ventín para comprobar en que estado se atopan as obras que se están executando nesta aldea da parroquia de Biduído. Blas García estivo acompañado de persoal municipal e de representantes da empresa adxudicataria da obra. Durante a visita aproveitou para conversar con algunhas veciñas e veciños do lugar para resolver dúbidas e suxestións que lle plantexaron ao alcalde.

As obras que se están executando consisten na pavimentación de interiores e accesos deste núcleo. O proxecto, que está sufragado con cargo ao POS+ Adicional 2/2021 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones Agra Castro SL por un importe de 230.000 euros, IVE incluído.

Os traballos estanse executando nas principais vías de acceso a Ventín, situadas nas zonas leste e sur do lugar, e formadas por treitos de 55, 80 e 100 metros. No caso dos viarios do leste, estase mellorando a capa de rodaxe, reparando as fochancas con grava e tratamento asfáltico, e aplicando 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

No caso do acceso dende o sur, de 100 metros de lonxitude, vaise empregar a mesma solución para o arranxo das fochancas, e aplicarase un tratamento asfáltico superficial e unha rega de selado para a mellora da capa de rodaxe deste treito. Ademais, nas dúas vías do leste, de 55 e 80 metros de lonxitude, estase realizando unha gabia de seguridade de 135 metros e unha berma formigonada de 55 metros. A drenaxe superficial realízase neste caso con canalización de PVC de 400 milímetros de diámetro, con arquetas con sumidoiros.

Nova pavimentación de formigón e granito nos interiores
No que respecta aos interiores, demólese o firme existente na actualidade e emprégase un pavimento composto por 10 centímetros de saburra e unha capa superficial de 15 centímetros de formigón con mallazo.

Nas marxes da nova pavimentación colocaranse franxas lonxitudinais de granito de 30 centímetros de ancho, que irán facendo cortes transversais ao longo de todas as pistas interiores. Ademais, na vía do núcleo situada ao norte, é preciso levantar un muro de contención de terras con bloques de granito, sobre o cal se colocará tamén unha varanda metálica para a contención dos peóns.

Ademais, vaise a facer unha ampliación de mellora dunha pista que dá acceso a unha vivenda e maila acometida de abastecemento. Tamén se van a realizar unhas modificacións da canalización de saneamento nos accesos principais a Ventín para repartir a carga. Estas actuacións foron concretadas onte cos veciños e veciñas do lugar na visita feita polo alcalde e polo concelleiro do Rural.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “estes traballos están incluídos no plan de mellora e mantemento dos accesos e camiños interiores das aldeas do rural. Os traballos marchan a bo ritmo e permitirán que os accesos e interiores de Ventín presenten un aspecto talmente renovado. Esta actuación vén a ampliar o número de melloras que se están a realizar no rural e coas que se pretende darlle continuidade ao plan de investimentos para a realización de melloras nos núcleos rurais e que veñen a significar un esforzo económico moi importante”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ejecutan obras de pavimentación en viales de acceso e interiores de Ventín, en Ames, por 230.000 euros"

AMS GO!: "Obras de mellora de accesos e interiores en Ventín"

Enfoques: "Avanzan las obras de mejora de accesos e interiores de Ventín, en Biduído"

Imaxe da visita ás obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín

Multimedia

  • Imaxe da visita ás obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín
  • Imaxe da visita ás obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín
  • Imaxe da visita ás obras de mellora dos accesos e interiores de Ventín