Solapas principales

A segunda edición de InnovAmes celebrarase o 16 de decembro no Milladoiro

Viernes, 02 de diciembre de 2022

O Concello de Ames e Maker Faire Galicia organizan unha nova edición de Innovames, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que terá lugar o 16 de decembro no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que se contará coa presenza de grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. O obxectivo deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Para dispor de máis información sobre o InnovAmes pódese consultar a páxina web do evento.

Quedan dúas semanas para que O Milladoiro acolle unha nova edición da xornada de innovación para as empresas de Ames “InnovAmes”. Trátase dunha xornada de innovación que se celebrará o 16 de decembro de 2022 no pavillón polideportivo do Milladoiro. O obxectivo é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que den lugar a proxectos innovadores.

Neste evento contarase coa presenza de empresas amesás como Airvision, Tecalis, Escenoset, Mirabelle Comunicación, Verial, Nanogap, Sistemius Abogados, FlowReserve, Grupo Altia, Carto Galicia, Ficción Producciones, Minervas Voice (Zenit), Conic vascular, Alfonsin Digital Lab e We Robot. Tamén se contará con representantes das tres universidades galegas.

Deste xeito, a empresa Airvisión mostrara os seus drons; Minervas Voice dará voz ás mulleres que, coa súa obra, contribuíron e contribúen de forma decisiva na evolución da humanidade e ao empoderamento feminino; e Alfonsin Digital Lab presentará as singularidades da posprodución máis innovadora, traballando man a man cas plataformas audiovisuais do momento.

Programa do evento
Charlas e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais conforman o groso dunha programación que na súa sesión matinal estará dirixida non só ao sector profesional, se non tamén aos centros escolares de Ames coa finalidade de proporcionar referentes profesionais e laborais, así como fomentar a inquedanza pola innovación nas novas xeracións.

Deste xeito, o alumnado dos centros de ensino e representantes de empresas poderán escoitar a Carlota Corzo, unha das 30 mozas e mozos con menos de 30 anos da lista Forbes, coofundadora de Lázzaro, unha empresa que axuda a organizacións sen ánimo de lucro a crear plataformas web fiables, permitindo traccionar as súas operacións mediante blockchain.

Nesta xornada contarase ademais cun programa centrado na presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no parque empresarial Novo Milladoiro en na localidade de Bertamiráns como NanoGap, Escenoset, Conic Vascular, Mirabelle Comunicación ou Tecalis entre outros, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “no InnovAmes participan empresas de Ames que son un referente da innovación e que conviven no noso concello. Cremos necesario facer un gran evento de recoñecemento das nosas empresas”. Ademais, explicou que “as empresas amesás que participan neste evento ofrecerán a súa particular visión sobre o estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores. Ademais contaremos con representantes das tres universidades galegas”.

Premios InnovAmes
Este ano como novidade o Concello de Ames convoca a primeira edición do Premio Innovames para empresas innovadoras co obxectivo de recoñecer, apoiar e dar visibilidade ás persoas emprendedoras e empresas máis innovadoras e con maior potencial de crecemento en Ames; proxectos con carácter e innovador e de gran impacto social, tanto de recente creación como xa consolidadas. Premiarase a innovación, o impacto social e o alto potencial de crecemento.

Ademais, convócase o I Premio InnovAmes para proxectos educativos. O Concello de Ames ven apostando nos últimos anos polo sector da innovación, o programa Innovames pretende incluír a comunidade educativa para favorecer a cultura do emprendemento e a innovación no futuro da nosa sociedade. Deste xeito, a través deste premio trátase de ofertarlle á comunidade educativa amesá un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación. Neste caso recoñecerase a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos.

Espazo de exposición
Tamén haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man estes proxectos e outros exemplos innovadores nos que traballan as empresas do concello de Ames, así como os proxectos presentados polos centros educativos. Así mesmo, durante a mañá os escolares poderán asistir a diversos obradoiros, previa inscrición.

O evento completarase cunha sesión de tarde, dirixida ás empresas e ao público interesado, na que se poderá escoitar a Alfonsín Digital Lab, unha das poucas empresa de postprodución cinematográfica en España que traballa con coñecidas plataformas audiovisuais. Coñeceranse os proxectos presentados polas empresas amesás e farase entrega dos premios aos/ás gañadores/as. O público poderá asistir a diversos obradoiros durante a tarde e como punto final da xornada gozarase dun espectáculo e poderanse degustar uns petiscos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Llega la jornada InnovAmes con los avances del tejido empresarial local"

AMS GO!: "O Milladoiro acolle a segunda edición de InnovAmes o 16 de decembro"

A segunda edición de InnovAmes celebrarse o 16 de decembro no Milladoiro

Multimedia

  • A segunda edición de InnovAmes celebrarse o 16 de decembro no Milladoiro
  • A segunda edición de InnovAmes celebrarse o 16 de decembro no Milladoiro
  • A segunda edición de InnovAmes celebrarse o 16 de decembro no Milladoiro