Solapas principales

Aberto ata o xoves 15 o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames do ano 2022

Martes, 13 de diciembre de 2022

Dende a Concellaría de Deportes informan de que o prazo para votar polo/a mellor deportista amesán/á do ano 2022 estará aberto ata este xoves 15 de decembro. A votación pódese facer a través dunha enquisa que se pode atopar premendo nesta ligazón. Con esta iniciativa buscase fomentar a participación do público nun dos premios que se entregará na XV Gala do Deporte. O evento celebrarase o sábado 17 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e nel daranse a coñecer tamén os gañadores do resto de galardóns.

A Concellaría de Deportes está organizando unha nova edición da Gala do Deporte, que se celebrará o próximo sábado, 17 de decembro. Novamente, a veciñanza amesá será a encargada de decidir o/a gañador/a dun dos premios: o/a mellor deportista de Ames durante o ano 2022. Poderán facelo votando a través da enquisa que se pode atopar no banner que está ao pé da páxina web municipal ou premendo nesta ligazón.

Nesta ocasión, optan ao galardón catro deportistas. Dunha banda, Borja Golán Santín, xogador de squash, que este ano logrou facerse co título de campión de España na categoría absoluta por décimo sétima vez, tras quedarse ás portas nas finais de 2019, 2020 e 2021. Golán foi tamén subcampión de Europa por clubs en Riccione (Italia) e co equipo francés Mulhouse, gañando todos os partidos. Ademais, foi campión do torneo profesional (PSA) en Niort (Francia), que é a trixésimo terceira competición profesional que gaña dende o ano 2002. Por outro lado, foi campión de España con Galicia no Campionato de Seleccións Autonómicas (2021 e 2022), da Copa de España Absoluta e do Open Nacional de Palencia.

Tamén é candidato ao premio Hugo Novoa Ramos, xogador de fútbol. Na actualidade é dianteiro no equipo R.B. Leipzig da primeira división alemá (Bundesliga), e disputou a Champions League. Trátase do xogador máis novo do seu equipo na Bundesliga, competición na que debutou esta temporada, marcando un gol aos tres minutos de entrar ao terreo de xogo. Así mesmo, no 2022 acadou o seu primeiro título profesional, gañando a Copa de Alemaña co Leipzig. Tivo a oportunidade de xogar uns minutos na Europa League, no partido de cuartos de final contra o Atalanta. Paralelamente, foi convocado coa selección española sub21 o pasado verán.

Así mesmo, tamén se pode votar por Guillermo Carracedo Robelo, que practica paddle surf. No 2022 quedou campión de Europa absoluto de paddle surf e subcampión do mundo coa selección española de surf mundial ISA. Carracedo está no top 7 do ránking mundial App Paddle Surf, e tamén logrou alzarse co título de campión de España e de Galicia na categoría absoluta tanto neste ano 2022 coma no 2021.

Por último, opta ao galardón a futbolista Nuria Rábano Blanco, que xoga como lateral esquerdo no club FC Barcelona, na primeira división feminina española e na Champions League. Tamén é internacional coa Selección nacional absoluta feminina de España. Ademais, na tempada 2021/22 foi subcampioa de liga da Primeira división feminina coa Real Sociedad.

O prazo para votar polo mellor deportista estará aberto ata este xoves 15 de decembro. O premio do público será entregado na propia gala, como en edicións anteriores, xunto cos demais galardóns.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Últimas horas para escoller a ou o mellor deportista de Ames"

Aberto ata o xoves 15 o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames do ano 2022

Multimedia

  • Cartaz da XV Gala do Deporte do Concello de Ames