Solapas principales

O Goberno municipal presenta o sétimo orzamento consecutivo que se achega aos 30 millóns de euros

Lunes, 19 de diciembre de 2022

Esta mañá o Goberno municipal presentou o novo orzamento para o exercicio 2023, que ascende á cifra de 29.725.000 euros. Trátase do sétimo orzamento que se presenta de xeito consecutivo e nesta ocasión antes de comezar o ano 2023. Segundo o Goberno local trátase dun orzamento que medra e se consolida reforzando os servizos, blindando as áreas de servizos básicos, educativos e sociais, e ampliando o crédito en todas as áreas de gasto. A principal área de gasto segue a ser Servizos Básicos con 6.047.000 euros (20,34%), seguida de educación con 5.569.000 euros (18,74%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 3.137.000 euros (10,55%). O pasado venres, 16 de decembro, celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas e este mércores, 21 de decembro, haberá un pleno extraordinario para debater e aprobar de xeito inicial, se procede, dito orzamento.

Esta mañá o Goberno municipal presentou no salón de plenos da Casa do Concello as liñas principais do orzamento de 2023. A concelleira de Economía e Facenda e voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, foi a encargada de facer a presentación das contas para o vindeiro exercicio. A continuación interviron David Santomil, voceiro do BNG, e Luís Feijóo, voceira do PSdeG. Pechou a quenda de intervención o alcalde de Ames, Blas García. Varios/as concelleiros/as do grupo de Goberno tamén asistiron á presentación de dito orzamento. Para ampliar información sobre o orzamento pódese acceder a esta presentación.

Antes de dita presentación o Goberno municipal mantivo diferentes contactos cos diferentes grupos políticos da oposición e deu un prazo para achegar propostas co obxectivo de tratar de chegar a acordos, para a aprobación do Orzamentos municipal de 2023 do Concello de Ames. O Goberno municipal tamén negociou en Mesa Xeral de Negociación, cos representantes sindicais do persoal municipal, o crédito asignado ao Capítulo I de persoal.

Unha vez ditaminado na Comisión Informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas, que se realizou o pasado venres 16 de decembro, este mércores 21 de decembro, ás 20.30 horas, celebrarase un pleno extraordinario para aprobar de xeito inicial o orzamento xeral de 2023, así como a aprobación da masa salarial do persoal laboral para o vindeiro exercicio. Tratase do sétimo orzamento consecutivo que aprobará, se procede, a Corporación municipal do Concello de Ames dende o ano 2017. Este ano ademais adiantase a súa presentación co obxectivo de que entre en vigor a comezos do vindeiro ano.

Intervencións dos membros do Goberno municipal
O alcalde de Ames, Blas García, destacou “a importancia de poder presentar o sétimo orzamento de xeito consecutivo e poder facelo antes de que remate o ano. Isto é un feito moi importante porque iso vainos permitir poder comezar o vindeiro ano cun novo orzamento en vigor sen ter que andar prorrogando partidas do anterior. O primeiro orzamento que aprobou este Goberno foi en xuño de 2017, pero fomos ano a ano adiantando uns meses ata chegar a presentalo neste mes de decembro, algo que é habitual nos Concellos das grandes cidades pero non nos Concellos de tamaño mediano e pequeno. Isto é algo moi positivo porque permítenos poder comezar o ano facendo investimentos. Ademais, consolidamos neste orzamento unha cantidade moi importante que son preto de 30 millóns de euros”. Por último, destacou que “o Concello de Ames aposta de xeito moi forte pola prestación de servizos  e incrementáronse as partidas para os servizos de limpeza viaria, limpeza de centros, envellecemento activo e saudable, novo contrato de mantemento de parques infantís, novo contrato de limpeza nos núcleos rurais, e vaise incrementar o servizo de axuda no fogar cando estea resolto”.

A concelleira de Economía e Facenda e voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, dixo que “desde o Goberno estamos moi contentos de poder aprobar este sétimo orzamento municipal consecutivo de preto de 30.000.000 euros. Un orzamento solidario, social, equilibrado e responsable que aposta por un reforzo dos servizos públicos en todas as áreas, especialmente na área de servizos básicos, educación e servizos sociais. O Concello de Ames é un concello dinámico e en constante crecemento e desde o Goberno temos que dar respostas ás demandas da veciñanza mellorando e ampliando os servizos públicos, consolidando iniciativas de dinamización da nosa economía local, e apostando por seguir investindo para facer de Ames un Concello modelo e referente de crecemento sostible”.

O voceiro do BNG, David Santomil, destacou que “por primeira vez conseguimos presentar os orzamentos antes de fin de ano algo que é un logro moi importante. Isto demostra a xenerosidade dos grupos que forman este Goberno municipal, así como a continuidade e estabilidade deste proxecto. É un orzamento responsable porque nos deixa marcada a folla ruta de aquí ata maio, momento das vindeiras eleccións municipais, pero tamén llo deixa ao Goberno que se forme tras ditas eleccións. Poden estar unhas persoas ou outras pero o proxecto debe prevalecer e continuar cunha contas ao día e aprobadas. Agora queda executar o recollido no capítulo de investimentos no que se recollen os proxectos do Plan Único da Deputación, do plan Ames Progresa e da EDUSI Impulsa Ames”.

A voceira do PSdeG, Luísa Feijóo, explicou que “a presentación deste orzamento vainos permitir iniciar o ano traballado cunhas contas novas. O que evidencia este novo orzamento é a capacidade de dialogo dos grupos que forman o Goberno e maila estabilidade que se leva demostrando nos últimos anos. É un orzamento que garante os servizos  básicos comunitarios que van a redundar no benestar social. Uns servizos que son prioritarios e esenciais como son a conciliación, o benestar social, promoción da saúde, dándolle unha gran importancia á saúde mental e emocional. É un orzamento solidario e que prioriza o investimento na veciñanza de Ames”.

Principais áreas de gasto
O orzamento ascende á cifra de 29.725.000 euros, medrando nun 3,55% (1.018.000 euros) respecto do orzamento 2022. Segundo o Goberno local continuase incrementando o orzamento ano tras ano e consolidando ese incremento co compromiso de reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados polo Concello nas distintas áreas de gasto e continuando co esforzo inversor con fondos propios, que acompañan aos investimentos financiados con fondos europeos, subvencións estatais e fondos procedentes da Deputación da Coruña.

A principal área de gasto segue a ser Servizos Básicos nos que se recollen, consolidan e reforzan melloras e investimentos en rede de sumidoiros, abastecemento ligados ao Ciclo Integral da Auga, co desenvolvemento do novo contrato de limpeza viaria e posta en marcha do punto limpo móbil. Tamén se recolle a continuación e reforzo do Plan Rural de mantemento das zonas rurais. Tamén a implantación da nova licitación do contrato de xardinería e mantemento de parques e xardíns,  investimentos e actuacións na renovación do alumeado público. Esta área contará cun crédito total de 6.047.149,40 euros porcentaxe que representa un 20,34% do total do orzamento municipal no 2023.

A segunda área con maior gasto é  a de educación na que tamén se incrementa o gasto. Nesta área nos últimos dous anos houbo que realizar diversos cambios, debido á pandemia da Covid, que supuxeron un incremento do gasto. Deste xeito, continuase co reforzo e ampliación dos servizos de conciliación. Ademais, neste orzamento recóllese a posta en marcha dun novo servizo de licitación de mantemento de centros educativos. Esta área contará cun crédito total asignado de 5.569.000 euros, representando un 18,74% do total do orzamento municipal.

Os servizos sociais e de promoción social seguen sendo a terceira área en importancia do orzamento municipal cun crédito asignado de 3.137.000 euros, incrementando respecto do 2022 a súa porcentaxe de representación dentro do orzamento pasando dun 9% ao 10,55% do total. Continuase a priorizar e protexer esta área cun aumento do crédito de 580.000 euros respecto do ano 2022, reforzando a contratación de persoal para a tramitación das Renda Social e Axudas de Emerxencia, así como coa posta en marcha este ano da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con melloras no servizo, ampliación de horas e actualización salarial, actividades para maiores (Amessan), Transporte adaptado, actividades de dinamización dos locais dos maiores, mantemento das axudas para as entidades de iniciativa social, así como reforzo do novo servizo de atención temperá etc.

Capítulos de gasto
Segundo explicou esta mañá a concelleira de Economía e Facenda o orzamento de 2023 blinda a prestación e mellora dos servizos. Refórzase, mellórase e amplíanse os servizos  (recollidos no Capítulo 2) nas distintas áreas cunha dotación que acada os 14.766.000 euros representando un 50% do total do orzamento municipal, incrementando en 1.297.825,11 euros (10%) respecto do orzamento 2022. Destaca o incremento de 363.000 euros na partida de servizos sociais, concretamente no servizo de axuda a domicilio, incrementándose as horas de prestación do servizo, actualización salarial e as melloras que se recollen na nova licitación, así como actividades de dinamización dirixidas aos maiores a través do programa Amessan, etc.

Tamén se incrementa respecto do orzamentado no ano 2022 o crédito en 116.000 euros na partida de limpeza viaria coa nova licitación que se puxo en marcha e 113.000 euros de incremento no programa Plamrural Ames de actuación de labores de limpeza e mantemento no rural, así como 104.000 euros de incremento para mantemento de parques e xardíns e mantemento das zonas axardinadas que se licitará no 2023.

No ámbito educativo houbo tamén un incremento de 100.000 euros respecto do orzamento do 2022 para a limpeza e aseo dos centros educativos e escolas unitarias, e incrementouse en 50.000 euros o crédito para servizos complementarios de educación, aumentando en 45.000 euros o crédito asignado a mantemento de parques infantís e centros educativos. Tamén se incrementa respecto do 2022 en 80.000 euros o crédito asignado á promoción da actividade comercial e para o deseño da Axenda Urbana en 48.000 euros.

Capítulo I de persoal
Por outra banda, trátase dun orzamento que segundo o Goberno municipal apuntala e reforza o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I de persoal a cifra de 11.042.467,86 euros que representa o 37,15% do orzamento municipal. Increméntase a cifra en 1.173.00 euros (11,89%). Recóllese o incremento do 2,5% da suba salarial prevista na Lei de Orzamentos xerais do Estado para o 2023.

Outras aspectos a destacar do Orzamento de 2023 son que se reforza a contratación en áreas básicas como son Urbanismo, Servizos Sociais, Promoción Económica, Medio Ambiente e Persoal. Ademais, recóllese para adecuacións retributivas singulares un crédito de 60.000 euros trala negociación do Capítulo I cos representantes dos traballadores na negociación coa Mesa Xeral de Negociación. Tamén se incrementan en 140.000 euros dentro do Capítulo I o crédito asignado a horas extras e gratificacións e substitucións.

Investimentos públicos
No capítulo de investimentos públicos (Capítulo VI) contarase cun crédito inicial de 2.577.000 euros, que representa un preto dun 9% do orzamento municipal. Este crédito inicial de investimentos reais verase incrementado coas incorporacións de remanentes de crédito das actuacións e investimentos que están pendentes de executar da EDUSI (2.650.000 euros) e do Plan Ames Progresa (2.770.000 euros), acadando un total de investimentos durante o ano 2023 de preto de 5.420.000 euros. Estas incorporacións no 2023 farán que os créditos de investimentos reais superen a contía consignada no orzamento e se sitúen preto dos 8.000.000 euros.  

Destacan dentro do capítulo de investimentos as obras aprobadas recentemente do POS +2023, que ascende a un total de 1.126.600 euros, e que inclúen obras en estradas e camiños veciñais e maila mellora da iluminación do parque empresarial do Milladoiro por importe de 70.218 euros. Parte da contía do POS+2023 destinarase tamén a gasto corrente (100.000 euros) e ao POS Social 157.700 euros, destinado a gastos de persoal na área servizos sociais e axudas emerxencia.

Inclúese investimentos importantes como as obras de beirarrúas na avenida da Maía, financiadas a través dun convenio coa Deputación Coruña de 301.000 euros; obras do Ciclo Integral da Agua por 300.000 euros; investimentos EDUSI de dinamización e modernización comercial e fomento do emprego e emprendemento por 213.613 euros;  programa EDUSI de inserción de colectivos desfavorecidos e accións adicadas a inserción por 199.613 euros; renovación da iluminación pública e substitución de luminarias baixo consumo en Bertamiráns, 153.000 euros, etc.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames gasta 188 euros por vecino en servicios, 173 en conciliación y 29,6 en el gobierno

El Correo Gallego: "Séptimo presupuesto consecutivo y aumento del 3,5 % en las partidas"

Lindeiros: "Ames presenta un orzamento de máis de 29 millóns de euros"

Imaxe da presentación do orzamento municipal de 2023

Multimedia

  • Imaxe da presentación do orzamento municipal de 2023
  • Imaxe da presentación do orzamento municipal de 2023