- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza para o vindeiro sábado, 31 de decembro, a segunda edición das Prebaladas de fin de ano, unha actividade que se enmarca dentro da programación do Nadal 2022 de Ames. O evento, que presentará Loli Gómez, desenvolverase na praza do Concello, en Bertamiráns, a partir das 11:00 horas. Entre os asistentes repartiranse bolsas con cotillón, chicharróns e arandos, e para os máis pequenos haberá tamén lambetadas sen glute e batidos. Ademais, actuarán os/as gañadores/as do concurso Canta con Ames 2021 e 2022.
No ano 2019 o Concello de Ames organizou por primeira vez un acto para celebrar coa veciñanza a chegada do ano novo. O evento, que contou cunha gran acollida por parte da cidadanía amesá, naceu con vocación de continuidade, pero, por mor da pandemia, non se puido realizar nos anos 2020 e 2021.
Desta volta, a programación de Nadal retoma as Prebadaladas, que terán lugar a partir das 11:00 horas o vindeiro sábado, 31 de decembro, na praza do Concello de Bertamiráns. O acto estará conducido pola presentadora Loli Gómez, e contará coas actuacións dos/as gañadores/as das edicións do 2021 e do 2022 do certame Canta con Ames: Carmen Cuevas, Lara López, Noelia Bellas, Adriana Vigo, María Iglesias, Montse Angueira e José Rey. O espectáculo dos concursantes estará animado por un grupo de bailaríns da escola Balancé.
Os asistentes deberán acceder á praza do Concello a través do lateral da rúa Alcalde Lorenzo, posto que os primeiros cincocentos adultos en entrar recibirán unha bolsa con produtos dos comercios locais na que haberá cotillón, chicharróns, arandos (doados pola froitaría Tomate más Fruta) e unha copa cun vale para brindar coa cervexa Estrella Galicia.
Pola súa banda, a rapazada tamén contará coa súa propia bolsa, que incluirá tamén cotillón, uvas de lambetada sen glute e batidos para brindar, obsequio de Feiraco.
Así mesmo, haberá postos de flocos de millo e de algodón de azucre, e as comisións de festas de Bertamiráns e O Milladoiro instalarán unha barra de bebidas para recadar fondos de cara aos festexos do vindeiro ano.
Acto de presentación
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinalou que “o día 31 de decembro, último día deste 2022, encheremos a praza do Concello de festa para despedir este ano e darlle a benvida ao 2023”, e aproveitou a ocasión para agradecer aos comercios e ás empresas que fixeron posible a realización do evento a través da doazón de produtos ou colaborando na súa organización.
Así mesmo, a concelleira convidou á cidadanía amesá e dos arredores a sumarse á festa das Prebadaladas. “Desde Promoción Económica queremos animar a todos os veciños e veciñas a que nos acompañen no último día do ano nesta festa, aquí na praza do Concello”, concluíu.
Pola súa banda, Graciela Castro, en representación de Feiraco, agradeceu a invitación ao evento. “Sentímonos moi felices de colaborar nesta iniciativa e de doar os nosos batidos, porque o concello de Ames é o lugar onde temos unha das nosas sedes e a fábrica de Feiraco. Fainos moita ilusión, e para nós é moi significativo”, manifestou.
Noelia Bellas, gañadora da primeira edición do Concurso Canta con Ames e integrante do xurado na segunda edición do certame, asistiu como representante dos artistas que actuarán o vindeiro 31 de decembro. “Agrádanos moitísimo poder desfrutar deste premio cantando todos xuntos nas prebadaladas 2022, pechando así o día de noitevella. Esperamos que haxa moita xente vendo os resultados dos ensaios”, afirmou.
Pechou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que destacou que as Prebadaladas son “un evento singular no noso concello, que serve para celebrar o remate de ano todos os veciños e veciñas de Ames e da contorna conxuntamente”.
Por outro lado, o rexedor municipal resaltou a importancia de actos destas características como ferramenta para impulsar as compras no negocios da localidade, sinalando que “queremos que os veciños que veñan a este acto poidan quedar por aquí e aproveitar a facer as súas compras no concello”. Finalmente, destacou a iniciativa do concello de ofrecer durante o evento produtos aptos para persoas con intolerancias alimenticias. “Temos que empezar a concienciarnos de que nos actos tamén haxa alimentos aptos para todos os que teñen intolerancias”, explicou.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Cotillón e cervexa de balde nas prebadaladas amesás"
Lindeiros: "Volven as prebadaladas ao concello de Ames"