Solapas principales

Todo listo en Ames para recibir a visita dos Reis Magos de Oriente

Martes, 03 de enero de 2023

Melchor, Gaspar e Baltasar van pasar tres días no concello de Ames escoitando os desexos da cativada e enchendo a vila de maxia e ilusión. A Gran Festa de Reis comeza este martes cunha recepción dos Reis. Os Magos de Oriente estarán nos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro ao longo do martes 3 e do mércores 4 atendendo as peticións dos nenos e das nenas amesás. Poden reservar a súa cita accedendo á Sede electrónica do Concello de Ames.  O xoves, pola mañá, as súas maxestades visitarán as parroquias do concello para espallar a súa maxia por todos os recunchos do concello. Xa pola tarde percorrerán coas súas cabalgatas as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. O fin de festa reunirá a pequenos e maiores nos pavillóns municipais para despedir aos Magos de Oriente e gozar dunha merenda e dunha actuación musical.

A Gran Festa de Reis inclúe unha ampla oferta de actividades e espectáculos que se desenvolverán ao longo dos días 3, 4 e 5 de xaneiro en distintos puntos do concello. A programación dará comezo coas recepcións dos rapaces e rapazas que farán os Reis Magos ao longo do martes 3 e do mércores 4, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.  As súas maxestades estarán nos pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns de  11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. Alí, as Súas Maxestades atenderán as peticións de agasallos e ofrecerán á cativada un obxecto máxico, unha chave que permite acceder a todos os domicilios de Ames, e que debe ser colocada nas casas a noite de Reis. As persoas interesadas en asistir deben acudir con cita previa, que se pode reservar accedendo á Sede electrónica do Concello de Ames e seleccionando día, hora, e localidade. Para o localidade do Milladoiro quedan ocos libres tanto para a xornada de hoxe como para a de maña. No caso de Bertamiráns hai prazas dispoñibles hoxe a partir das 12 do mediodía e pola tarde; tamén dispoñen de ocos libres para a recepción que terá lugar mañá mércores. Dende o Concello de Ames lembran que para asistir aos actos de celebración da Gran Festa de Reis NON é necesario o uso de máscara e que o acceso se realizará pola porta principal dos pavillóns municipais.

O día 5 de xaneiro, os Reis Magos pasarán por todos os recunchos do concello, visitando os locais sociais, para que tanto os cativos e cativas dos núcleos urbanos como do rural poidan acudir a velos. Desta maneira, ao longo da mañá, Melchor, Gaspar e Baltasar estarán nas once parroquias do Concello de Ames. Así, pasarán por Ameixenda e Cruxeiras a partir das 10:00 horas, por Aguapesada ás 10:30h, por Piñeiro e Covas ás 11:00h, por Tapia e Ortoño ás 11:30h, por Lens ás 12:00h, por Agrón e Bugallido ás 12:30h, por Trasmonte ás 13:00h e por Biduído ás 13:30 horas.

Para finalizar a Gran Festa de Reis, o propio día 5 pola tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán preto de cen nenos/as e mozos/as, divididos en distintas carrozas, e nas que se repartirán caramelos. Ademais, xunto aos Reis viaxará un gandeiro da cooperativa CLUN para distribuír bolsas de lambetadas.

A primeira das cabalgatas terá lugar no Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. A comitiva real sairá da rúa Agriños, proseguirá pola Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio - Rúa de Abaixo – Rúa Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Agro do Medio -  Rúa Cereixeiros – Travesía do Porto. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade, arredor das 18:30, onde se despedirán e darán paso á actuación da artista María Fumaça. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de batidos doados por CLUN.

Os Reis desprazaranse tamén ata Bertamiráns, onde a cabalgata se celebrará de 19:00 a 20:00 horas. As carrozas sairán da estrada de Lapido, á altura do 108; a continuación proseguirán por Avenida da Mahía – Travesía do Pedregal – Rúa Pedregal – Avenida da Mahía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Igualmente, haberá un fin de festa no pavillón municipal, de 20:30 a 21:30, e tamén se poderá desfrutar da rosca con chocolate e dos batidos de CLUN. Así mesmo, haberá unha actuación da man de Pesdelán.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Xa chegaron os Reis a Ames e na comarca de Ordes estarán o 5"

Lindeiros: "Este xoves os Reis Magos chegan á bisbarra"

AMS GO!: "Ames vive tres días de maxia antes de Reis"

Todo listo en Ames para recibir a visita dos Reis Magos de Oriente

Multimedia

  • Todo listo en Ames para recibir a visita dos Reis Magos de Oriente