- Tipo
- Tematica
A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza a segunda etapa do "Xiro Grande dos Montes de Compostela". A ruta realizarase o sábado 14 de xaneiro. Percorreranse uns 12 quilómetros, partindo dende a Lavacolla e chegando ata A Igrexa (Cesar). Hai 70 prazas dispoñibles, e os interesados en participar poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario ou escaneando o código QR da imaxe adxunta, ata o xoves, día 12 de xaneiro, ás 16:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a praza do Concello de Bertamiráns (ás 10:00 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 10:15 horas).
Esta segunda etapa comeza na escalinata da igrexa clasicista de San Paio de Sabugueira, na Lavacolla. Avanzando por un lateral chégase ata o Camiño Francés, que conduce á aldea de San Paio, onde os camiñantes poden descansar á sombra da súa carballeira e refrescarse na fonte.
Seguindo o percorrido polo Camiño Francés chégase ata Requesende, e máis adiante, a Quintás, onde se atopa a igrexa de San Xulián de Carballal, que combina os estilos románico e barroco. Tras un treito boscoso, chégase ao final da etapa, na parroquia de Cesar, onde se pode gozar das vistas do val do concello limítrofe.