- Tematica
A Xunta de Goberno local vén de aprobar o pasado 23 de decembro o expediente de contratación das obras de saneamento do núcleo de Caroubáns, na parroquia de Covas, mediante procedemento aberto simplificado, tramitación anticipada, cun único criterio de adxudicación (prezo). O importe das obras é de 124.536,48 € e realizaranse con cargo a fondos propios do Ciclo Integral da Auga. Estas obras teñen por obxecto a ampliación da rede de saneamento municipal co fin de rematar coas fosas sépticas particulares e as verteduras incontroladas ó medio natural.
Caroubáns, na parroquia de Covas, vai gozar dun importante investimento na mellora da súa rede de saneamento. A Xunta de Goberno Local do pasado 23 de decembro aprobou a licitación dun proxecto que conta cun orzamento base de 124.536,48 €.
A rede de saneamento recollerá as augas residuais no núcleo de Caroubáns, canalizándoas pola cuneta da estrada DP – 0203 ata a súa vertedura nun pozo existente na parte alta do núcleo de Loureiros. Para a execución do saneamento instalaranse 19 pozos de rexistro.
O proxecto abrangue, tamén, a ampliación dun treito de 300 metros da rede de abastecemento mediante canalización de polietileno de alta densidade de 63 mm. de diámetro e 16 atm. de presión nominal e 2 válvulas de seccionamento coas correspondentes arquetas.
Para o núcleo de Caroubáns reporase o pavimento de formigón en toda a súa extensión mediante a execución de 20 cm. de zahorra e 15 cm. de formigón en pavimento con mallazo. Este paquete de firme empregarase asemade para o acondicionamento do camiño que comunica coa estrada DP – 0203.
Nunha lonxitude de 200 metros ó longo da estrada DP – 0203 disporase unha cuneta de seguridade de 2 metros de ancho en formigón HM – 20 con mallazo e 15 cm. de espesor sobre 10 cm. de zahorra. Baixo a cuneta canalizarase tubaxe de polipropileno de 400 mm de diámetro para garantir a correcta drenaxe superficial xunto con 6 arquetas con sumidoiro.
Tamén se executará unha nova soleira para albergar a marquesiña e os contedores do lixo mediante 10 cm. de formigón e 10 cm. de zahorra. As actuacións complétanse coas reposicións dos pavimentos afectados, de varios elementos de drenaxe e da sinalización horizontal e vertical.
Estas obras de mellora do saneamento no rural súmanse ás xa executadas na parroquia de Bugallido, concretamente ás obras de saneamento e abastecemento levadas a cabo nos lugares de Guimaráns e Buceleiras, e que teñen por obxecto ampliar a rede de saneamento municipal. Estas actuacións, tamén incluídas no Ciclo Integral da Auga (CIA), contaron cun orzamento de 68.164,47 euros.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou “O Goberno de Ames leva facendo un investimento importante no Ciclo Integral da Auga para que o saneamento chegue a todos os núcleos, neste caso buscamos que un lugar tan próximo a Bertamiráns, como é o de Caroubáns, poida dispoñer da rede de saneamento".
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Por fin llegará el alcantarillado hasta Caroubáns, a las puertas de la capital"
AMS GO!: "Anuncian a mellora da rede de saneamento de Caroubáns"