Solapas principales

Continúan os Encontros literarios con cinco novas presentacións en febreiro e marzo

Miércoles, 01 de febrero de 2023

As bibliotecas municipais de Ames abriron 2023 con dous encontros literarios protagonizados por Patricia de Lorenzo, que presentou o libro "Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural", e por Alfonso Pexegueiro, que falou da súa última obra “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”. Os Encontros literarios continúan durante os meses de febreiro e marzo con cinco novas presentacións a cargo de Xosé Antonio López Silva, Martiño Santos Canosa, Marilar Aleixandre, Ursula Heinze e Juan Galán. Os/as autores/as estarán acompañados/as pola concelleira de Cultura, Natividade González. Este xoves, 2 de febreiro, Xosé Antonio López Silva, presentará “Historia natural de Plinio, el bibliotecario del mundo”, de  Editorial Almuzara. A entrada para asistir aos Encontros literarios é libre ata completar aforo.

Co inicio de 2023 a Concellaría de Cultura, a través das Bibliotecas municipais de Ames, puxo en marcha novas actividades tanto para nenos/as, co programa de contacontos, coma coa programación de Encontros literarios que están dirixidos ao público adulto. Dita programación comezou os días 18 e 19 de xaneiro cunha dobre presentación a cargo de Patricia de Lorenzo, que presentou o libro "Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural", e de Alfonso Pexegueiro, que falou do libro “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”.

Os Encontros literarios continúan durante os meses de febreiro e marzo con cinco novas presentacións a cargo de Xosé Antonio López Silva, Martiño Santos Canosa, Marilar Aleixandre, Ursula Heinze e Juan Galán. Os/as autores/as estarán acompañados/as pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada para asistir aos Encontros literarios é libre ata completar aforo. Ditas presentacións serán ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina.

Encontro literario con Xosé Antonio López Silva
No mes de febreiro haberá dúas presentacións. O xoves, 2 de febreiro, Xosé Antonio López Silva, presentará “Historia natural de Plinio, el bibliotecario del mundo”, de  Editorial Almuzara. Dita obra relata as andaduras de Plinio, falecido na erupción do Vesubio. Plinio escribiu unha obra colosal que resulta, a día de hoxe, incriblemente moderna. No ano 77 da nosa era, Plinio o Vello realizou unha gran recompilación enciclopédica da Antigüidade sobre a natureza e o mundo que o rodeaba. A través das páxinas do libro, pódese percibir a importancia da figura do erudito, militar e científico.

López Silva (Santiago de Compostela, 1972) é catedrático de latín de Ensinanza Universitaria. Ao longo da súa traxectoria colaborou como investigador para diversas institucións, como o ILGA (Instituto da Lingua Galega, asociado á USC). Tamén ten traballado como tradutor, editor e crítico literario de diversas obras grecolatinas e de literatura española, galega ou en lingua inglesa. Suma numerosas publicacións, entre as que se inclúen, por exemplo"Crónica del historiador gálico-romano Hidacio de Chaves", a comedia de Plauto "Los Gemelos" ou a "Electra" de Sócrates. Así mesmo, conta con experiencia no na tradución fóra do ámbito grecolatino. Doutra banda, é critico literario en revistas como "Grial, Revista Galega de Cultura".

A segunda presentación de febreiro será o xoves 16 a cargo de Martiño Santos Canosa que presentará “A nación dos mil viños”, de Edicións Laiovento. Trátase dunha guía galega para adentrarse no mundo do viño e busca ser unha iniciación combinada á altura do viño en xeral, á súa proba sensorial e do panorama concreto dos viños galegos. Na obra expóñense os elementos máis destacados que inflúen no seu resultado final e que integran o seu proceso de creación cada ano, dende a viña á copa: os solos, o clima, as variedades de uva, a viticultura e a enoloxía. Tamén as chaves elementais para o seu goce e análise sensorial.

Por outra banda, tamén se fai un repaso descritivo pola vitivinícola galega actual. Estes contidos, ademais, acompáñanse de elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño. A obra aborda tamén a historia das persoas produtoras e as marcas comerciais que chegan a nós como resultado final do seu traballo. O libro é unha obra colectiva, firmada por Martiño Santos Canosa e Xosé Gontá Sobrino, e conta coas ilustracións de Toño Núñez Amigo-Rivadulla.

Encontros literarios de marzo
O mes de marzo comeza cun novo encontro literario. Será o xoves, 2 de marzo, a cargo de Marilar Aleixandre, que falará da súa obra “As malas mulleres”, editada por Galaxia. Esra obra, gañadora do premio Blanco Amor no ano 2020, narra unha historia a varias voces, e fai que o lector asista a unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX. A través da figura de Sisca, unha rapaza de quince anos, viáxase pola vida de mulleres como Concepción Arenal e Juana de Vega.

Trátase dunha novela escrita contra a desmemoria, para recuperar as vivencias das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, na Coruña, en 1863. Alí, Arenal e Juana de Vega traballaron a prol da dignificación das persoas, sendo pioneiras. O libro é tamén un canto á lectura como método para a mellora da vida das persoas e para dar esperanza ás desesperadas. Como habitualmente nas obras de Aleixandre, a novela enmárcase nun ton poético e aborda unha trama ben armada e plena de rexistros literariamente moi potentes.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) publicou a súa primeira novela infantil, "A formiga coxa", en 1989. Posteriormente, seguiu escribindo tanto para o público xuvenil como para o adulto, e tamén se iniciou na poesía e realizou diversas colaboracións para revistas. Ao longo da súa traxectoria, o seu traballo ten sido galardoado co Premio da Crítica á creación literaria en galego (1995), o Premio Merlín á literatura infantil (1994) ou o Premio Manuel Murguía de Relato Breve (1997).

Os encontros literarios continúan o xoves, 16 de marzo, coa presentación da obra “Flashes II” a cargo de Ursula Heinze. "Flashes II", editada por Fervenza, é a segunda parte dunha guía persoal que reflicte un retrato da propia autora ao longo dos anos. Trátase dun mapa persoal, claramente autobiográfico, de breves ou moi breves prosas que debuxan un retrato da mesma escritora ao longo dunha extensa temporalidade e a través dunha variada xeografía.

Úrsula Heinze (Colonia, 1941) licenciouse en Filoloxías Inglesa e Alemá na Universidade de Colonia, formando parte do grupo universitario de teatro. Tamén estudou piano e canto. Finalmente, decidiuse pola ensinanza, sendo catedrática de Ensinanza Media en Alemaña e lectora de alemán na Universidad de Valladolid. Así mesmo, é autora de numerosas obras: novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego e relatos en alemán. Así mesmo, ten traducido obras de autores alemáns ao galego e ao castelán. Flashes reúne case duascentas prosas breves nas que a autora rememora con humor crítico diferentes instantes e incidentes da súa vida.

Os encontros literarios de marzo pecharanse o xoves 30 con Juan Galán, que presentará “El eco de tu voz”, de Medulia Editorial. É unha obra descrita polo seu autor como "froito da miña fantasía”. Quere ser unha novela histórica na que se mesturan elementos históricos e inventados. As personaxes de Adela e Fabiana son ficticios, aínda que conteñen algúns trazos autobiográficos, pero tamén aparecen feitos históricos acaecidos en diversas épocas e personaxes reais como Virginia Woolf, Emilia Pardo Bazán e Santiago Casares Quiroga e familia, sobre os que consultei diarios, memorias e abundante biografía".

Juan Galán (A Coruña, 1961) é licenciado en Filoloxía Inglesa pola USC. Viviu en diversos países e continentes, e traballou como profesor de inglés. Tras exercer a docencia durante máis de trinta anos, xubilouse recentemente, A súa carreira literaria iniciouse coa publicación de "Romanza de los naranjos en flor". Ademais, destaca como investigador da Memoria Histórica Democrática, e adícase a contar a historia dos presos republicanos que sufriron a represión franquista organizando rutas a pé por Galicia, as Rutas Republicanas.

Este xoves, 2 de febreiro, Xosé Antonio López Silva, presentará “Historia natural de Plinio, el bibliotecario del mundo”, de  Editorial Almuzara

Multimedia

  • Este xoves, 2 de febreiro, Xosé Antonio López Silva, presentará “Historia natural de Plinio, el bibliotecario del mundo”, de  Editorial Almuzara