- Tematica
Os “Espazos para a reflexión” son unha iniciativa nos que colaboran o IES Milladoiro (rede de convivencia), a ANPA do instituto e mailo departamento de Educación Familiar de Benestar Social do Concello de Ames. Durante este mes de febreiro realizaranse tres novas sesións. A primeira será este mércores, 8 de febreiro, ás 19.00 horas, no IES Milladoiro, cunha xornada informativa sobre TDAH. Intervirán as relatoras e psicólogas Claudia Balado e Carmen Tomás da Fundación INGADA. O luns 13 celebrarase unha segunda xornada sobre xestión de conflitos e o luns 27 de febreiro sobre os camiños da sexualidade, nas que intervirá a formadora Rebeca González.
O programa “Espazos para a reflexión” retoma a súa actividade este mércores, 8 de febreiro, cunha xornada informativa sobre TDAH. Nesta ocasión, a charla será dirixida polas relatoras e psicólogas Claudia Balado e Carmen Tomás da Fundación INGADA. A sesión realizarase a partir das 19.00 horas no IES Milladoiro.
En febreiro haberá dúas sesións máis. O luns 13 celebrarase unha segunda xornada sobre xestión de conflitos e o luns 27 de febreiro sobre os camiños da sexualidade, nas que intervirá a formadora Rebeca González.
A iniciativa “Espazos para a reflexión” conta co apoio da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, do IES Milladoiro e da ANPA do instituto. Cada unha das charlas realizadas ao abeiro deste programa están dirixidas principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos.
En cursos pasados realizáronse varias sesións sobre múltiples temas como a diversidade enfocada no ámbito sexual, a educación en positivo, a autonomía dos pequenos e pequenas, a importancia de descodificar as necesidades dos/as adolescentes potenciando a súa autonomía, ou as altas capacidades.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explica que “tras unha reunión da rede de convivencia para volver a reactivala viuse a necesidade de volver a contar con estes Espazos. A intención é que volva a ser un espazo de encontro no que participe toda a comunidade educativa de O Milladoiro”.
A finalidade deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.