Solapas principales

Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Primavera Lúdica 2023

Martes, 14 febrero, 2023
Do 10 ao 24 de febreiro está aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Primavera Lúdica 2023, que este ano se desenvolverá os días 3, 4, 5 e 10 de abril. Poderán participar nel todas as familias empadroadas en Ames con nenos ou nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e de Bos Días. As persoas interesadas deben enviar a documentación necesaria a través da sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro (O Milladoiro e Bertamiráns) pedindo cita previa, tamén na sede electrónica.

O programa de conciliación Primavera Lúdica volve neste 2023 para axudar ás familias a compatibilizar vida laboral e familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar, e que teñan nenos ou nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. Así mesmo, os solicitantes non poderán ter débedas en período executivo coa facenda municipal.

O programa Primavera Lúdica oferta os servizos de conciliación habituais no concello, como o Bos Días ou o comedor, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para os máis madrugadores, mentres que as horas de recollida serán as 14:30 ou as 16:00 horas. Os centros educativos nos que se desenvolverá o programa serán o CEIP da Maía, en Bertamiráns; e a EEI do Milladoiro e o CEP Ventín, no Milladoiro.

Premendo nesta ligazón pódese descargar o impreso de inscrición no programa Primavera Lúdica 2023.

Presentación de solicitudes
As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Así mesmo, tamén se poden entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Neste caso deberá terse en conta que hai que pedir cita previa a través da Sede electrónica. Por outra banda, os trámites tamén poderán realizarse a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse, ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Multimedia