- Tipo
- Tematica
A Aula da Natureza organiza unha ruta de sendeirismo o día 11 de marzo que está pensada para a rapazada de entre 6 e 14 anos. Sairase dende as instalacións da Aula da Natureza e recorrerase a zona dos muíños de Riamontes. Haberá servizo de autobús, que sairá ás 10:30 horas da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:45 do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. O regreso farase entre as 13:45 e as 14:00 horas. As persoas que queiran anotarse deben enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
Comézase o percorrido na pequena aldea do Vilar. Seguindo os postes indicativos, ascéndese por un vello camiño ata chegar ao primeiro dos muíños, o chamado de Ortoño, e o único que queda á beira dereita do regato. Unha vez cruzado o regato por unha pontella o camiño segue por un tramo de bosque de ribeira, entre freixos e ameneiros, que agochan os restos de varios muíños entre pozas e pequenas fervenzas que manteñen o seu encanto e son a testemuña dun glorioso pasado de tradicións, historia e cultura singular.
Os muíños de Riamontes moían todo o verán coas augas que se represaban no Pozo. Forman parte dunha forma de vida comunitaria, na que os veciños e as veciñas tiñan cadansúa obriga. Tras pasar o Pozo a ruta continúa por pistas forestais en constante subida entre plantacións de árbores, ata chegar ao punto máis alto do percorrido. Trátase do Miradoiro do Monte de San Marcos, situado a 343 metros de altitude. Dende aí, pódese contemplar unha magnífica panorámica do val do río Sar (Val da Maía) e de toda a comarca. Uns 200 metros máis arriba atópanse as ruínas da Ermida de San Marcos e dunha torre de vixilancia posiblemente de época medieval.
O regreso á aldea faise en continuo descenso, alternando entre monte baixo de toxo e eucaliptal, rodeando a ladeira do Monte de San Marcos. Os últimos dous quilómetros volven achegarse preto do regato de Riamonte e do bosque de ribeira para rematar, despois de cruzar a ponte, no mesmo lugar onde principiou o camiño.