Solapas principales

O Concello de Ames pon en marcha o laboratorio ‘Ames AV Lab’ para potenciar o sector audiovisual amesán

Miércoles, 22 de febrero de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitaron esta mañá o Espazo Colaborativo A Proa, no Milladoiro, para presentar ás principais empresas do sector o  proxecto Ames AV Lab, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais co que se pretender impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio. Ademais, no acto participaron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica municipal María Lloves. Asistiron ao evento varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal así como outros/as técnicos do Concello e da Deputación.

O proxecto Ames AV Lab conta cun financiamento de 200.000 euros, dos que 160.000 euros, o 80% do financiamento, son achegados pola Deputación da Coruña, e o 20% restante por parte do Concello de Ames.

Abriu o acto a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que aproveitou para agradecer a presenza dos membros da Corporación municipal e dos representantes do tecido empresarial de Ames, da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e do claustro da Universidade de Santiago de Compostela, así como aos coworkers do espazo colaborativo A Proa. Así mesmo, a concelleira loou o traballo do persoal do departamento de Promoción Económica do Concello.

Doutra banda, Ana Belén Paz sinalou que “quero darlle as grazas ao alcalde, Blas García, por pensar neste proxecto tan importante despois de todas as reunións que tivemos co tecido audiovisual do Concello de Ames. Tamén quero darlle as grazas ás persoas e ás empresas de audiovisual que nos apoiaron”. Por último, indicou que “este é un proxecto moi importante, que vai axudar moito aos veciños e veciñas e tamén á xente da contorna”.

A continuación, María Lloves, técnica do departamento de Promoción Económica, foi a encargada de explicar as distintas fases que atravesarán os proxectos que sexan seleccionados para participar no Ames Lab, así como que se lle dará prioridade “ás persoas mozas e ás mulleres, para tratar de diminuír a fenda xeracional e de xénero que existe no noso territorio”.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de “dotar de ferramentas ao talento propio para que radique en Galicia, de xeito que permita ilusionar aos nosos creadores e creadoras do eido do audiovisual e isto se acabe traducindo na creación de empregos”. O presidente indicou que “desde a Deputación da Coruña apoiamos o desenvolvemento deste coworking A Proa, un dos 11 da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que na actualidade xa alberga a 30 emprendedoras e emprendedores que están a facer realidade as súas ideas aquí, no Concello de Ames”.

Formoso destacou que Galicia é unha das rexións máis competitivas no sector audiovisual e está á vangarda na creación de contidos tanto para cine, televisión ou plataformas e subliñou a importancia estratéxica dun sector que con máis de 700 empresas, factura 411 millóns de euros anuais e crea 4.500 empregos directos, así como a “oportunidade” que supón o Plan “España, Hub Audiovisual de Europa”, dotado don máis de 1.600 millóns de euros e destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país e impulsar a súa internacionalización.

Rematou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que sinalou que “hai ano e medio, aproximadamente, estabamos inaugurando este espazo coworking para apoiar aos sectores da innovación e do audiovisual. Xa temos trinta proxectos que están aquí instalados, comezando a desenvolverse. Unha das labores máis importantes das administracións é axudar ás persoas que teñen inquedanzas, ao talento que temos nos nosos concellos, e que poidan traballar e poñer en marcha os seus proxectos. Sempre apostamos pola formación. Temos un centro en Aldea Nova, estamos creando un centro multifuncional, e dispoñemos deste espazo colaborativo A Proa, que tamén queremos poñer en valor”.

Blas García tamén destacou “o gran traballo conxunto que se realizou entre as administracións, as empresas e a Universidade de Santiago de Compostela para facer realidade este proxecto. Desde as institucións públicas temos a obriga de axudar a esas persoas con inquedanzas e ideas para poñer en marcha os seus proxectos. Por isto, grazas á colaboración da Deputación e do tecido industrial impulsamos este laboratorio, que fai boa proba do potencial audiovisual en Galicia, e que vai manter á nosa Comunidade como un referente en España”.

O laboratorio “Ames Av Lab”
A provincia da Coruña, e, en concreto, o concello de Ames, presentan unha alta especialización no sector audiovisual. Existen grandes produtoras, empresas líderes en service, estudios de gravación líderes en tecnoloxías de carácter polivalente, empresas líderes en postprodución...

O Concello, grazas ao apoio económico da Coruña, ten previsto poñer en marcha o proxecto audiovisual Ames Audiovisual Lab, que se concibe como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais, que busca impulsar a produción, o fomento do talento emerxente e a dinamización do tecido produtivo da provincia. É un laboratorio que tratará de apuntalar o talento que o audiovisual xa ten conformado, e axudando a crear unha nova xeración de persoas que traballen no audiovisual con vocación innovadora.

Ames Lab busca atraer proxectos que non estean iniciados, e que non teñan data de inicio de rodaxe prevista (curtametraxes, longametraxes, series, narrativas inmersivas, realidade virtual...). Fomentarase a participación de proxectos que contribúan á incorporación laboral de persoas mozas e mulleres, tratando así de diminuír a fenda xeracional e de xénero que existe no noso territorio.

As instalacións da Proa serán empregadas como sede principal, e búscase ofrecer unha tecnoloxía innovadora que permita planificar a postprodución dende que os proxectos boten a andar, así como que sexa posible facer medicións de audiencia  para coñecer as demandas do consumidor. O laboratorio busca tamén que todas as iniciativas que se creen na Proa traballen conxuntamente, de maneira que se creen sinerxias e crezan os proxectos.

Seleccionaranse 15 iniciativas
No mes de marzo realizarase unha convocatoria para seleccionar 15 iniciativas, que recibirán unha mentorización e titorización por parte de expertos do audiovisual; así como formación, na Ames Audiovisual School, onde se impartirán nocións de diferentes sectores que abranguen todas as partes dos proxectos a desenvolver: creación, produción, postprodución, financiamento, marketing, distribución e dereitos de propiedade intelectual. Así mesmo, tamén se programarán distintos workshops sobre temas que demanden os creadores das iniciativas seleccionadas.

No ecuador do proxecto, arredor dos meses de verán, sacarase unha convocatoria de bolsas. Das 15 iniciativas presentadas, serán seleccionadas 7, que xa se atoparán en fase de maduración, e que recibirán unha axuda de 10.000 euros. Paralelamente, estarán realizándose no Ames Lab actividades de networking e de formación. Finalmente realizarase o Ames Audiovisual Showcase, unha presentación final de todos os proxectos apoiados, na que se mostrará o traballo realizado a festivais, empresas produtoras, distribuidoras, representantes de mercados... etc.

Este proxecto, ademais, busca avanzar cara un modelo de desenvolvemento sostible do sector audiovisual, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de igualdade de xénero, traballo decente e crecemento económico, a innovación, a dixitalización industrial e a redución das desigualdades.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames impulsará 15 proyectos audiovisuales en el centro A Proa"

El Correo Gallego: "Hollywood en Galicia: ve la luz un Ames Lab que va a revolucionar la creación audiovisual"

Lindeiros: "A Deputación impulsa o Ames AV Lab"

Enfoques: "Nace el Ames AudioVisual Lab"

AMS GO!: "O proxecto Ames AV Lab nace para consolidar Ames como un dos polos de creación audiovisual en Galicia"

Imaxe da presentación do laboratorio Ames AV Lab

Multimedia

  • Imaxe da presentación do laboratorio Ames AV Lab
  • Imaxe da presentación do laboratorio Ames AV Lab
  • Imaxe da presentación do laboratorio Ames AV Lab
  • Imaxe da presentación do laboratorio Ames AV Lab