- Tematica
A pasada fin de semana varios integrantes de Ames Atletismo acudiron ao Campionato Galego de probas combinadas e ao control de marcas da Federación Galega de Atletismo. Ambas competicións se celebraron na pista cuberta da cidade de Ourense. Destacaron as actuacións de Mateo Posse, que logrou o bronce nas combinadas sub20, e de María Estévez, que acadou a mínima nacional nos 600 metros lisos.
A pista cuberta de Ourense acolleu a pasada fin de semana dúas citas deportivas: o Campionato Galego de probas combinadas e o control de marcas da Federación Galega de Atletismo. En ambas competicións houbo representación amesá, posto que participaron diversos atletas do club Ames Atletismo. Durante a xornada do sábado, o corredor Mateo Posse logrou alzarse coa medalla de bronce nas probas combinadas, na categoría sub20. Así mesmo, o domingo tamén realizou unha gran actuación, mellorando os seus rexistros persoais nas sete probas que compoñen o Heptatlon.
Por outra banda, cómpre destacar o papel de María Estévez no control de marcas. A atleta conseguiu, por segundo ano consecutivo, a mínima nacional nos 600 metros lisos en pista cuberta (categoría sub16).
Na proba de control de marcas participaron, ademais, outros cinco atletas do club: Pablo Sar, Carlos Buyo, Ariana Collazo e Andrea Brea. Todos eles melloraron os seus rexistros persoais nalgunha das probas disputadas. Sar fixo marca persoal no triplo salto e nos 60 metros lisos; Buyo nos 800 metros lisos; Collazo no 60 metros valado e Brea tamén nos 60 metros lisos.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Bo nivel do Ames Atletismo no Campionato Galego de probas combinadas"