- Tematica
Esta mañá presentouse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, unha nova edición do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar, de educación afectivo-sexual e de obradoiros de regulación emocional. Dito programa está dirixido a 2.150 rapaces e rapazas que cursan estudos dende cuarto de primaria ata bacharelato nos centros educativos amesáns. Este programa ten tres liñas de actuación que se centran na prevención de condutas aditivas con e sen sustancias; a educación afectivo – sexual; e programas de regulación emocional. Dende o último trimestre do curso 2016/2017 preto de 8.000 rapaces e rapazas participaron neste programa conxuntamente coas súas familias. Tamén participaron máis de 50 docentes dos centros escolares públicos de Ames que son unha parte esencial do programa.
O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu hoxe a presentación dunha nova edición do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar, de educación afectivo-sexual e de obradoiros de regulación emocional. No acto de presentación participaron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo; a técnica do departamento de Promoción da Saúde; Rosana Martínez; a psicóloga do Centro de Información á Muller, Mónica Antelo; a técnica do departamento municipal de Voluntariado, Soraya Añón; e mailos/as psicólogos/as e responsables do programa Coidados á Mente, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou “hoxe o queríamos facer era un percorrido polo que foi o programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar dende que comezou no último trimestre do curso 206-2017 ata este curso actual. Preto de 8.000 rapaces e rapazas participaron neste programa conxuntamente coas súas familias e tamén participaron máis de 50 docentes dos centros escolares públicos de Ames. As intervencións con diferentes grupos constas de varias sesións dependendo da idade e das necesidades que se determinan previamente, cun mínimo de catro e un máximo de oito sesións. Isto permitiunos darlle ao programa unha continuidade e frecuencia durante todos este anos que é fundamental para acompañar ao alumnado en diferentes idades”.
Os/as psicólogos/as e responsables do programa Coidados á Mente, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, destacaron que “trátase dun programa que se imparte segundo as necesidades de cada centro educativo en función das necesidades que detectan os docentes ds propios centros. O positivo deste programa é que leva moitos anos impartíndose e isto permítenos ir coñecendo ao alumnado e que o alumnado nos coñeza a nós. Tamén é importante esta bagaxe para ir facendo un traballo que se vai acumulando no tempo que realmente é o que resulta eficaz e non facer intervencións puntuais. Tamén é importante esta continuade no tempo porque a comunidade educativa está implicada entón son os propios docentes os que solicitan o programa e expresan situacións especificas que axudan a hora de desenvolver as sesións”.
Tamén incidiron en que “este programa permítenos detectar situacións moi concretas porque ao traballar cinco ou seis horas seguidas con distintos grupos, crease un espazo de coidado e de axuda. Tamén axuda moito que o alumnado te coñece de anos anteriores, isto permite crear un ambiente de confianza que é fundamental. Todas as persoas que actúan somos psicólogos sanitarios polo que é persoal especialista en saúde mental, algo que é fundamental á hora de detectar situacións que poden ser preocupantes. É importante tamén o acompañamento que se fixo a moitos rapaces e rapazas nas súas distintas idades xa que hai alumnado que comezou a participar neste programa en cuarto de primaria e agora xa cursa estudos de secundaria ou noutros casos bacharelato”.
Por último destacaron que “ o concello de Ames conta cun alumnado moi heteroxéneo e con moita diversidade cultural. Trabállamos tanto con alumnado que reside no rural como con rapaces e rapazas que residen nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Isto noutros concellos non pasa, xa que o alumnado ten un perfil máis semellante”.
Balance do programa dende o curso 2016/ 2017
O programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar comezou a funcionar no último trimestre do curso 2016/ 2017 co alumnado de sexto de primaria, e de segundo e cuarto da ESO. Botou a andar cuns obxectivos xerais orientados a reducir os factores de risco e potenciar os factores de prevención, proporcionándolle ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitisen desenvolver estilos de vida saudables e afrontar adecuadamente as posibles situacións de risco relacionadas ou non directamente con posibles adicións que poidan ir aparecendo ao longo do seu desenvolvemento.
Tamén se traballou para aumentar as capacidades e habilidades persoais de resistencia a oferta de sustancias promovendo o desenvolvemento de recursos propios que faciliten actitudes e condutas de rexeitamento ao consumo ou, si se dá, atrasándoo o maior tempo posible. Deste xeito, buscouse reducir a percepción do consumo de drogas e alcol como algo “normal” ao tempo que se promoveron estilos e hábitos de vida saudable.
Todo iso fíxose sin deixar de lado a outra parte fundamental do programa que son as familias e o profesorado, tanto titores e titoras como equipos directivos e de orientación, aos que se tratou de dotalos de ferramentas educativas que favorezan o desenrolo saudable das e dos menores e melloren as relacións familiares, así como facilitar a participación activa do profesorado como axentes preventivos formándoos e capacitándoos para elo. Este traballo sempre se fixo dun xeito participativo e dinámico tendo en conta as necesidades e particularidades de cada grupo.
Tras esta primeira experiencia, durante o curso 2017/2018 ampliouse o programa incluíndo ao alumnado de primeiro de bacharelato. Deste xeito, chegouse a un total de 798 alumnos e alumnas aos que se lle dedicaron un total de 288 horas de formación presencial. Tamén se actuou coas familias e 44 docentes aos que se dedicaron un total de 22 e 76 horas respectivamente. Durante este curso introduciuse a perspectiva de xénero e recolléronse 2.394 cuestionarios anónimos, que aportaron unha radiografía da mocidade amesá en canto a autoestima, hábitos de vida, sociogramas e avaliación de ciclos que se traduciron en 38 informes para os titores/as de cada grupo.
Na súa terceira edición, no curso 2018/2019, ante a solicitude feita polos propios centros educativos, o programa ampliouse para introducir a educación afectivo sexual dentro da programación con sesións encamiñadas a formar persoas responsables capaces de entender a sexualidade como un aspecto máis das súas vidas, entendendo a faceta sexual como un proceso básico na vida e no desenvolvemento san das persoas, centrándonos na autoestima, as emocións, a responsabilidade ou o autocoidado. Neste curso ampliouse a intervención de prevención aos cursos inferiores intervindo en grupos de cuarto e quinto de primaria, con todo o alumnado de bacharelato e co alumnado da FP básica. Este curso actuouse con 925 alumnos/as. Tamén se realizaron 12 reunións con familias e outras 12 co profesorado. No curso 2019/2020 continuouse coa dinámica iniciada no curso anterior.
Durante o curso 2020/2021 volveuse a retomar o programa con máis forza si cabe tras a pandemia e todo e que veu con ela para achegarnos novamente á prevención de condutas aditivas con especial fincapé nas novas tecnoloxías, xogos on-line, apostas, etc. Incrementouse novamente os grupos de intervención incluíndo ao alumnado de terceiro de primaria a petición dos equipos directivos.
A formación, ao igual que en anos anteriores, adaptouse ás idades e aos niveis educativos da rapazada. Entre o alumnado de terceiro a sexto de primaria promocionouse o uso saudable das TICS, centrado no uso dos videoxogos e nas redes sociais. A introdución das primeiras substancias aditivas como alcol e tabaco fíxose en sexto de primaria, e xa en secundaria, introdúcese, en primeiro e en terceiro da ESO as sesións afectivo-sexuais, mentres que en segundo e en cuarto da ESO abordouse o tema das substancias aditivas, introducindo primeiro o cánnabis e máis adiante as apostas deportivas.
Este curso e tamén a solicitude dos propios centros incluímos dentro da carteira de servizos a regulación emocional e control da ansiedade dando comezo unha nova programación que se enfocara na xestión das emocións e da ansiedade, pensada para o alumnado de cuarto da ESO e de Bacharelato. O programa, con catro sesións ao longo do curso, tivo un enorme éxito entre o alumnado participante, pouco acostumados a este tipo de actividades nuns cursos cunha gran carga lectiva. Coa máxima de que hai que dotar de recursos á rapazada para aprender a vivir mellor, para transitar a adolescencia e para aprender a coñecerse. En total, 1800 alumnos dende os 8 aos 18 anos foron atendidos por algún destes tres programas de promoción da saúde.
No curso 2021/2022 seguiuse prestando os tres servizos de prevención de condutas aditivas con e sen sustancias; a educación afectivo – sexual; e programas de regulación emocional. Durante o curso actual séguese a mesma liña de traballo que no curso anterior, pero neste curso incrementouse o número de alumnado e participarán 2.150 rapaces e rapaces dende cuarto de primaria a Bacharelato. Durante este curso xa se realizaron todas as intervencións co alumnado da educación primaria e quedan pendentes de impartir algunhas intervencións co alumnado de secundaria.
Finalidade e metodoloxía
A metodoloxía do programa de prevención de condutas aditivas no ámbito escolar é totalmente participativa. A través de técnicas de traballo grupal como dramatizacións, enquisas, análise da publicidade ou debates, os alumnos e alumnas participan na construción dos contidos. Tamén se fan actividades individuais e actividades na casa para poder compartilas cos pais/nais/titores e que, ao mesmo tempo permitan achegar o tema dende o centro educativo á casa e viceversa.
E non só se traballa co alumnado, senón que tamén se desenvolven sesións coas familias e co profesorado onde se poden compartir inquedanzas e obter ferramentas para abordar esta problemática no seo das familias ou na mesma aula. O programa incorpora tamén un enfoque de xénero e contidos relacionados con outras condutas de risco como o abuso ou uso indebido das novas tecnoloxías.
O programa está encamiñado a proporcionar ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitan desenvolver estilos de vida saudables e afrontar adecuadamente as posibles situacións de perigo relacionadas, ou non, coas posibles adicións que poidan ir aparecendo o longo do da súa evolución. Tamén se traballa para aumentar as capacidades e habilidades persoais de resistencia a oferta de sustancias e se promove o desenvolvemento de recursos propios que faciliten actitudes e condutas de rexeitamento ao consumo.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El plan preventivo de Ames de conductas adictivas asesoró a 8.000 menores"
El Correo Gallego: "Programa de prevención das condutas aditivas para dous mil rapaces de Ames"