Solapas principales

Os Encontros Literarios de marzo continúan coa presentación do libro “Flashes II”, de Úrsula Heinze

Martes, 14 de marzo de 2023

Este xoves, 16 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns un novo encontro literario, organizado polo departamento de Bibliotecas de Ames. Desta volta, a protagonista será a autora Úrsula Heinze, que presentará a obra “Flashes II”, editada por Fervenza. Trátase da segunda parte dunha guía persoal que reflicte un retrato da propia autora ao longo dos anos. 

As bibliotecas municipais de Ames organizan para este xoves, día 16, o segundo dos encontros literarios do mes de marzo. O libro a presentar será “Flashes II”, unha obra da hispano-xermana Úrsula Heinze que reúne case duascentas prosas nas que a autora rememora cun humor crítico diferentes instantes e incidentes da súa vida. Dita presentación realizarase, como habitualmente, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas.

Heinze estará acompañada durante o acto por María López Sández, profesora universitaria e membro da RAG; Armando Requeixo, tamén docente universitario, crítico literario e membro do Centro Ramón Piñeiro, e Xosé Luís Blanco Campaña, xornalista. O evento estará conducido pola concelleira de Cultura de Ames, Natividade González. Así mesmo, os asistentes poderán gozar do acompañamento musical do dúo Eva e Camilo con Eugenio Lorenzo.

“Flashes II” é un conxunto de relatos que buscan recoller distintas situacións e observacións da vida da escritora. Son pequenos relatos que poden provocar risa, reflexión e algún choro. Resumidamente, trátase dunha mestura de vivencias verdadeiras e escritas con liberdade literaria, flashes que iluminan distintas épocas do mundo e describen ambientes e persoas que acompañaron á autora ou que aínda hoxe están ao seu carón.

A autora
Úrsula Heinze (Colonia, 1941) licenciouse en Filoloxía Inglesa e Alemá na Universidade de Colonia. Ao longo da súa etapa universitaria formou parte do grupo de teatro e estudou tamén piano e canto. Finalmente, decidiu enfocar a súa carreira profesional nas aulas, e foi catedrática de Ensinanza Media en Alemaña, así como lectora de lingua alemá na Universidad de Valladolid.

Heinze tamén destacou como escritora, e conta con numerosas obras publicadas: novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego e relatos en alemán. Así mesmo, ten traducido obras de autores alemáns ao galego e ao castelán.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Encontro literario con Úrsula Heinze e o seu 'Flashes II'"

Cartaz dos Encontros literarios do xoves 16 de marzo

Multimedia

  • Cartaz dos Encontros literarios do xoves 16 de marzo