Solapas principales

Participa na ruta ambiental por Riamontes deste sábado 25 de marzo

Jueves, 23 de marzo de 2023

A Aula da Natureza do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, ten aberto o prazo para inscribirse nas actividades programadas para o mes de marzo. Unha das actividades previstas é un ruta por Riamontes que se vai desenvolver o sábado, 25 de marzo, e que está dirixida á rapazada de 6 a 14 anos. A ruta farase en horario de mañá e para participar hai que enviar a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. O programa ao completo para o primeiro semestre pode consultarse premendo nesta ligazón.

Para este sábado, 25 de marzo, en horario de 10:45 a 13:45 horas, está prevista unha ruta por Riamontes. Está pensada para a rapazada de entre 6 a 14 anos. Trátase dun percorrido circular de 7 quilómetros de distancia e dificultade media, que permite coñecer o conxunto etnográfico dos muíños de Riamontes. Haberá servizo de autobús, con saída do Milladoiro ás 10.45 horas, dende a Casa da Cultura, e ás 11.15 dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Estarase de volta ás 13.30h en Bertamiráns e ás 13.45 horas no Milladoiro.

Comézase o percorrido na pequena aldea do Vilar. Seguindo os postes indicativos, ascéndese por un vello camiño ata chegar ao primeiro dos muíños, o chamado de Ortoño, e o único que queda á beira dereita do regato. Unha vez cruzado o regato por unha pontella o camiño segue por un tramo de bosque de ribeira, entre freixos e ameneiros, que agochan os restos de varios muíños entre pozas e pequenas fervenzas que manteñen o seu encanto e son a testemuña dun glorioso pasado de tradicións, historia e cultura singular.

Os muíños de Riamontes moían todo o verán coas augas que se represaban no Pozo. Forman parte dunha forma de vida comunitaria, na que os veciños e as veciñas tiñan cadansúa obriga. Tras pasar o Pozo a ruta continúa por pistas forestais en constante subida entre plantacións de árbores, ata chegar ao punto máis alto do percorrido. Trátase do Miradoiro do Monte de San Marcos, situado a 343 metros de altitude. Dende aí, pódese contemplar unha magnífica panorámica do val do río Sar (Val da Maía) e de toda a comarca. Uns 200 metros máis arriba atópanse as ruínas da Ermida de San Marcos e dunha torre de vixilancia posiblemente de época medieval.

O regreso á aldea faise en continuo descenso, alternando entre monte baixo de toxo e eucaliptal, rodeando a ladeira do Monte de San Marcos. Os últimos dous quilómetros volven achegarse preto do regato de Riamonte e do bosque de ribeira para rematar, despois de cruzar a ponte, no mesmo lugar onde principiou o camiño.

As persoas que estean interesadas en participar nesta actividade xa poden anotarse, enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. O programa ao completo para o primeiro semestre pode consultarse premendo nesta ligazón.

Imaxe de arquivo dos muíños de Riamontes

Multimedia

  • Participa na ruta ambiental por Riamontes deste sábado 25 de marzo