Solapas principales

O Concello de Ames subscribe o Acordo de Melgaço de apoio á Vía Mariana Luso Galaica

Jueves, 30 de marzo de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Turismo, Manuel Lens, participaron esta mañá na xuntanza de Concellos da Vía Mariana Luso Galaica na se aprobou o Acordo de Melgaço. A Vía Mariana Luso Galaica, que une os antigos santuarios de devoción mariana entre Braga e Muxía, constitúe un itinerario cultural e natural de primeira orde europea, que se recoñece como un legado da historia que recolle o inmenso patrimonio cultural etnográfico e natural do territorio histórico da antiga Gallaecia.

Segundo consta no Acordo de Melgaço a espiritualidade do noso pobo e a súa devoción mariana deixou un rastro que perdura na actualidade e transmite uns valores que xamais se perderon. Nesa orde, a unión dos camiños de devoción aos nosos santuarios, unidos nun único itinerario que os une, e que demos en chamar Vía Mariana Luso Galaica, acolle xa a peregrinos e peregrinas de toda Europa que se achegan ás nosas aldeas, pobos e cidades, nun intercambio cultural, social, turístico e devocional que está comezando a dar vida e axudando a un mellor futuro ás nosas sociedades rurais.

A proia Vía articula un mundo rural e con el un patrimonio material e inmaterial tan importante como a maior das catedrais, que temos o deber de legar a futuras xeracións, tanto por respecto ao mesmo como para un desenvolvemento sustentable, económico e social que colabore co futuro das persoas que o habitan. Dar vida ao noso rural a través da cultura, das nosas tradicións, do coñecemento e do encontro fraterno co resto dos pobos de Europa será a nosa maior contribución ao seu progreso e autoestima.
 
Deste xeito, acordouse a promoción e divulgación da Vía con todos os seus valores ante todas as instancias posibles nacionais e internacionais, e a contribución e axuda para a súa inclusión na lista de Itinerarios Culturais Europeos do Consello de Europa. No mesmo senso, procurarase a colaboración toda sorte de actividades culturais que incentiven o coñecemento da Vía Mariana.

Ademais, adquiriuse o compromiso de axudar e favorecer a acollida do peregrino en tránsito. A hospitalidade é sinal distintiva de todos os itinerarios de peregrinación e o peregrino é o noso maior activo e por conseguinte o noso mellor embaixador. Tamén haberá que respectar e facer respectar o patrimonio material e natural vinculado ao itinerario, e axudar e colaborar, na mediada do posible, ao mantemento físico e sinalización para o tránsito libre e seguro das persoas.

O alcalde de Ames, Blas García, na súa intervención dixo que “a Vía Marina contribúe ao apoio das zonas rurais de Portugal e dos concellos das provincias de Pontevedra e da Coruña. As administración son unha parte fundamental para o desenvolvemento do rural. As rutas como a Vía Mariana axudan a fixar poboación no rural. Este tipo de itinararios tamén son importantes para concellos do interior como é o caso de Ames para poder desenvolver os proxectos turísticos que temos”. Ademais, destacou “o diálogo, a unión e mailo traballo conxunto que se está realizando neste caso en favor da Vía Mariana. Por último ofrecer o concello de Ames para acoller a vindeira reunión da Vía Mariana”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Maía vai ter unha alternativa na Vía Mariana que sae de Portugal"

AMS GO!: "O Concello de Ames colabora na promoción da Vía Mariana entre Galicia e Portugal"

O Concello de Ames subscribe o Acordo de Melgaço de apoio á Vía Mariana Luso Galaica

Multimedia

  • O Concello de Ames subscribe o Acordo de Melgaço de apoio á Vía Mariana Luso Galaica
  • O Concello de Ames subscribe o Acordo de Melgaço de apoio á Vía Mariana Luso Galaica
  • O Concello de Ames subscribe o Acordo de Melgaço de apoio á Vía Mariana Luso Galaica