Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de creación de debuxos animados das bibliotecas municipais

Martes, 11 de abril de 2023

Dende hoxe, e ata o vindeiro xoves, 20 de abril, está aberto o prazo de inscrición no obradoiro “A máquina de facer debuxos animados”, organizado polo departamento de Bibliotecas de Ames. O taller está dirixido á rapazada que cursa estudos a partir de terceiro de Primaria, e terá lugar na biblioteca do Milladoiro o venres 21 de abril, ás 17:30 horas, e na de Bertamiráns o sábado 22, ás 11:30 horas. Para anotarse é preciso escribir a biblioteca@concellodeames.gal indicando os datos persoais. 

As bibliotecas de Ames poñen en marcha unha nova iniciativa de animación, desta volta dirixida á rapazada a partir de terceiro curso de Educación Primaria. Trátase dun obradoiro de creación de debuxos animados, que se desenvolverá tanto no Milladoiro (o venres 21 de abril, ás 17:30 horas) como en Bertamiráns (o sábado 22, ás 11:30 horas). O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, día 11, e ata o vindeiro 20 de abril.

Para anotarse na actividade é preciso escribir un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal no se que indiquen nome, apelidos e idade dos nenos/as que vaian a participar, así como un número de teléfono de contacto. Para consultar calquera dúbida pódese chamar aos números de teléfono 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) e 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns).

Concurso de debuxo e campaña Superlectores
Co gallo do Día do Libro, que se celebra o 23 de abril, as bibliotecas municipais de Ames presentan tamén dúas novas actividades de animación á lectura, que se enmarcan dentro da súa programación “Abril, mes do libro”: un concurso de debuxo e a campaña Superlectores, que por segundo ano consecutivo buscan recoñecer ao seu público infantil e xuvenil sorteando varios lotes de libros.

Por un lado, co “II Concurso de debuxo”, as bibliotecas invitan a todos os rapaces e rapazas que cursan Educación Primaria ou Secundaria a realizar un debuxo cuxo tema verse sobre o Día do Libro ou a lectura en xeral. O debuxo debe presentarse en tamaño folio, e pode levarse a cabo coa técnica que os participantes prefiran (rotuladores, ceras, collages, acuarelas...). Neles, a rapazada poderá expresar, por exemplo, cal é o seu libro favorito ou o seu momento ideal para ler, por que animan a outros cativos e cativas a iniciarse na lectura, etc.

Os interesados en participar no concurso xa poden presentar, ata o vindeiro 23 de abril, os seus debuxos. Deben facelo de maneira presencial nas propias instalacións das bibliotecas ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, no que ademais da obra do neno/a figuren tamén o seu nome e apelidos, unha foto e un teléfono de contacto. As bases e os premios pódense consultar ao completo premendo nesta ligazón.

Por outra banda, a campaña “Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Así, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas ata o vindeiro 1 de outubro.

Os usuarios irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que terá lugar o 20 de outubro. En total haberá 8 premios na categoría infantil e 6 na de adultos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Obradoiros de debuxos animados nas bibliotecas de Ames"

Cartaz dos obradoiros das bibliotecas municipais

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de creación de debuxos animados das bibliotecas municipais