- Tipo
- Tematica
Os concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón programan para o vindeiro sábado, 29 de abril, unha saída pola ruta rosaliana que transcorre polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. Trátase dun itinerario que segue o trazado orixinal proposto por Avelino Abuín de Tembra na década dos noventa, actualizado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, no ano 2017, e presentado na feira de turismo Fitur en colaboración con esta entidade, convertido nun proxecto turístico intermunicipal denominado “As Pegadas de Rosalía”, en xaneiro do ano 2018. As inscricións son gratuítas e deberán realizarse a través desta ligazón ata o día 25 de abril. As prazas serán adxudicadas por orde de rexistro e deberase seleccionar o punto de saída e regreso do autocar.
A saída está programada para o próximo sábado, día 29 de abril, e desenvolverase entre as 9:15 horas e as 19:00 horas. No caso de Ames, haberá servizo de autocar dende a Casa da Cultura do Milladoiro e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Os horarios e puntos de recollida son os seguintes:
• Dodro - Pazo de Lestrove: 09:15 horas
• Padrón - Biblioteca: 09:30 horas
• Ames (O Milladoiro) - Casa da Cultura: 09:45 horas
• Brión - Carballeira de Sta. Minia: 09:45 horas
• Ames (Bertamiráns) - Pazo da Peregrina: 10:00 horas
Durante o percorrido visitaranse os lugares pertencentes ao territorio destes concellos que marcaron a vida e a obra da nosa autora máis universal. A ruta comezará no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, continuando ata a Tarroeira, na parroquia de Ortoño, no concello de Ames. A seguinte parada terá lugar en Brión, e recalará na igrexa de Bastavales, cuxas campás protagonizan un dos seus versos máis afamados e soarán para o deleite das persoas participantes. Cara a hora do almorzo está prevista a chegada á vila de Padrón onde se dispoñerá de tempo libre para descansar e comer (a comida non está incluída). Xa pola tarde proseguirase o itinerario previsto polos concellos de Dodro e Padrón, visitando as Torres de Hermida, o Espolón e a casa onde Rosalía viviu con súa nai para finalizar na Casa Museo onde faleceu o día 15 de xullo do ano 1885.
Co obxectivo de poñer en valor estes lugares e achegalos á cidadanía, nesta ocasión configurouse unha experiencia tomando como base o seu valor paisaxístico e cultural engadindo información nova sobre a vida de Rosalía. Creouse un produto turístico a medida e específico, adaptado ás novas tendencias dun turismo cada vez máis “experiencial” no cal as persoas asistentes participan no proceso e conectan cos valores dos territorios que se visitan.
Durante a xornada irán desvelándose diferentes Rosalías, a autora do legado literario, a voz do pobo galego e o ser humano de intensa vida espiritual que conecta co corazón das multitudes. Estas diferentes facetas e etapas vitais serán interpretadas por dúas actrices e irán desenvolvéndose ao longo do percorrido no que tamén se contará co acompañamento de música de zanfona e varias sorpresas.