Solapas principales

As curtas “La entrega” e “Solpor” pechan este martes o programa “Abril de cine”

Sábado, 22 de abril de 2023

Este martes, 25 de abril, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a última das sesións da iniciativa “Abril de cine”, que busca achegar diversas pezas audiovisuais do cine galego e nacional á veciñanza amesá. Desta volta proxectaranse dúas curtas: “La entrega” e “Solpor”. Será a partir das 20:00 horas. As entradas poden adquirirse premendo nesta ligazón.

“La entrega” conta a historia de Armando, un home de 80 anos e de difícil carácter que vive confinado na súa casa por un descoñecido trauma emocional. O seu único contacto co exterior é o rider encargado de traerlle os paquetes que o seu fillo lle envía dende o estranxeiro. O último deses paquetes, un ordenador portátil que non sabe utilizar, ábrelle as portas dun mundo novo e fascinante pero tamén deixa entrar ás pantasmas do seu pasado.

A curta é dirixida por Pedro Díaz, veciño de Proupín. O director amesá desenvolve a súa carreira profesional como realizador publicitario e para plataformas de televisión, para as que dirixiu importantes campañas publicitarias. “La Entrega” é a súa segunda curtametraxe, tras “Mal de sangre” rodada en 2013. Díaz participará nun coloquio cos presentes sobre a curta momentos antes da súa proxección.

“La entrega” foi nomeada a diversos galardóns, como o de Mellor curtametraxe de ficción nos Premios Goya 2023. Por outra banda, recibiu premios como o de Mellor curtametraxe nos Mestre Mateo 2023 ou o Premio especial do Xurado no Certame Internacional de Curtas de Soria 2022. Ademais, o actor protagonista, Ramón Barea, fíxose co galardón a mellor actor no Festival de Cine de Arnedo 2022.

“Solpor”
Seguidamente proxectarase tamén a curta “Solpor”, que fai un repaso pola vida dun home, que, como resultado dun revés da súa situación laboral, decide afastarse do seu entorno e da súa familia, e illarse no seu vello coche. Ao cabo dun tempo, cando comeza a quedarse sen recursos para sobrevivir, debe comezar a considerar a opción de volver á casa e retomar o control da súa vida.

A curta está dirixida por Susana Alba e protagonizada por Fran Paredes. No Angus Film Festival recibiu o premio a Mellor curtametraxe de estudantes.

As entradas para asistir a ambas proxeccións, que terán lugar o martes 25 ás 20:00 horas, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Cartaz da curta "La entrega"

Multimedia

  • Cartaz da curta "La entrega"
  • Cartaz da curta "Solpor"