- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, fai públicas as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima edición do Certame Literario de Ames. Nesta ocasión presentáronse 167 traballos, un número que supera a xa elevada participación de anteriores anos. Os encargados de xulgar os textos desta edición serán o poeta e profesor Ismael Ramos Castelo, a docente e escritora Anna R. Figueiredo e a mestra, música e poeta Andrea Porto Mato. A súa decisión farase pública o día 5 de xuño a través das redes sociais e da páxina web do Concello de Ames. Catro días despois, o 9 de xuño, terá lugar a entrega de premios na Casa da Cultura do Milladoiro.
O Certame Literario do Concello de Ames celebra neste 2023 a súa vixésima edición batendo récords de participación con respecto a anteriores anos. Se no 2022 participaron 152 textos, nesta ocasión son 167 os traballos que terá que revisar o xurado para escoller ás persoas gañadoras.
A categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, á que se presentaron 67 traballos. Na mesma franxa de idade na modalidade narrativa obtivéronse 50 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 14 e 8 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 13 e 15 traballos, respectivamente. En total, participan no concurso 89 textos poéticos e 78 textos narrativos. Premendo nesta ligazón podes consultar a listaxe completa dos textos e autores.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un concurso de referencia para moitos autores e autoras en lingua galega, e porque acade, de novo, altas cifras de participación.
Os tres membros do xurado foron premiados en diferentes edicións do Certame Literario de Ames
As persoas encargadas de revisar e xulgar os textos que participan nesta XX edición do Certame Literario de Ames son tres, todas elas premiadas en anteriores edicións do Certame Literario Concello de Ames e dedicadas ao mundo da creación literaria e da docencia.
Ismael Ramos (Mazaricos, 1994), Premio Nacional de Poesía Xove en 2022, é poeta e profesor no ensino secundario. O escritor mazaricán vén publicando textos poéticos e gañando premios dende 2012, cando levou o XVI Premio Francisco Añón. En 2015, recibiu o XVIII Premio Johán Carballeira por “Os fillos da fame”, a súa primeira publicación editorial, polo que tamén foi galardoado co Premio Fervenzas Literarias 2016. Co seu segundo traballo, “Lumes”, repetiu este premio no ano 2017. Xa en 2021, publicou con Xerais “Lixeiro”, un texto publicado en castelán por La Bella Varsovia. Ademais, Ramos é columnista na edición galega de eldiario.es.
Anna R. Figueiredo (Ourense, 1979), pola súa banda, tamén é escritora e docente de Física no ensino secundario. Ten colaborado en banda deseñada a través de BD Banda (2008) e na publicación trimestral Contos estaños (2012). Estreouse na novela con “Os bicos feridos” (2018), obra coa que gañou o Premio Viadutos de Novela. Ademais, publicou o ensaio “Feminismos. A historia cóntana as vencedoras” (2019). No ano 2020, asumiu a vicepresidencia da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Andrea Porto Mato (Codeseda, 1989) é mestra, música e poeta. Gañou os premios de poesía O Grelo e Avelina Valladares cos libros “Eco in aeternam” e “saLGada”, respectivamente. No ano 2015 tamén foi galardoada co premio de poesía Xosé Manuel Ardeiro co poemario “Caleidoscopio”. Actualmente é compositora e baixista no grupo A banda da Loba.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Récord de participación no Certame Literario de Ames"