- Tematica
O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para a realización de cacharelas na noite de San Xoán (23 de xuño de 2023). No caso de espazos públicos, o prazo comprende do 5 ao 16 de xuño, ás 14:00 horas; mentres que, para espazos privados, será do 5 ao 21 de xuño, tamén ás 14:00 horas. As normas faranse extensivas á celebración de cacharelas/sardiñadas durante todo o mes de xuño. As solicitudes deberán presentarse preferentemente por rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poderá facerse de maneira presencial, nas Oficinas xerais do Concello.
Para a celebración das cacharelas/sardiñadas, as persoas, organizacións e comunidades deberán presentar a solicitude correspondente, segundo o modelo publicado na Sede electrónica do Concello de Ames e dispoñible fisicamente nas Oficinal xerais do Concello, enchendo tódolos datos que constan en dito modelo de solicitude.
No caso de cacharelas ou sardiñadas solicitadas para espazos públicos deberase achegar xunto coa solicitude un mapa do lugar exacto no que se celebrará a fogueira. Aquelas que sexan solicitadas en espazos públicos deberán ser expresamente autorizadas polo concelleiro de Administración xeral e urbanismo a través dunha resolución que será publicada na páxina web do Concello e no taboleiro de anuncios.
No caso das solicitudes de cacharelas/sardiñadas para espazos privados, o Concello de Ames enviará unha mensaxe confirmando a recepción da mesma, que será suficiente para levar a cabo o evento.
As solicitudes deberán ser presentadas:
- No caso de espazos públicos: dende o 5 de xuño de 2023 ata o día 16 de xuño do 2023, ás 14:00 horas.
- No caso de espazos privados: dende o 5 de xuño de 2023 ata o día 21 de xuño do 2023, ás 14.00 horas.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse preferentemente por rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se poderá facer acudindo ás Oficinas xerais sitas en Bertamiráns e no Milladoiro, sen necesidade de solicitar cita previa.
Para dispor de máis información sobre as normas e recomendacións que hai que ter en conta para facer cacharelas e sardiñadas podes consultar o bando municipal aprobado pola Alcaldía. O cumprimento das normas respecto ás cacharelas será comprobado pola Policía Local e/ou corpos e forzas de seguridade.
> Accede ao trámite para solicitar permiso para realizar cacharelas por San Xoán.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Dende o día 5 poden solicitarse permisos para as cacharelas de San Xoán"