- Tematica
“Altamira Brilla”, a festa histórica do Val da Maía, organizada polos Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña, para conmemorar a histórica Batalla de Altamira, chega a vindeira semana á súa terceira edición. As actividades desenvolveranse durante a xornada do 10 de xuño. O programa está conformado por unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla, polos espectáculos de Títeres Alacrán e do grupo teatral Os Quinquilláns; e pola actuación musical de Fillas de Cassandra. Para participar na andaina é preciso escribir ao enderezo electrónico rutabatallaaltamira@gmail.com. Para as recreacións teatrais e o concerto a entrada é de balde, previa reserva a través desta ligazón.
As Torres de Altamira son un monumento patrimonio da Deputación da Coruña, considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte nun magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471. A festa “Altamira Brilla” pretende servir a modo de encontro para poñer en valor o monumento e para recuperar a memoria histórica.
Unha xornada con múltiples actividades
“Altamira Brilla” celebrarase o 10 de xuño. O programa dará comezo cunha ruta teatralizada polos escenarios da batalla, na que se recorrerán os lugares de Augapesada, Ponte Maceira, Burgueiros, Trasmonte, Carballo, O Portanxil, Leboráns e As Torres. Haberá servizo de autobús, con saída dende dous puntos: a carballeira de Santa Minia (Brión), ás 9:30 horas; e o Pazo da Peregrina (Bertamiráns), ás 9:45 horas. Dende Trasmonte ata As Torres farase unha andaina a pé. Ao remate, os participantes regresarán en autocar ata os lugares de saída.
As persoas interesadas en formar parte da actividade deben inscribirse previamente, escribindo ao enderezo electrónico rutabatallaaltamira@gmail.com e indicando o seu nome, apelidos e DNI. Hai 50 prazas dispoñibles, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Durante a tarde, terán lugar tres espectáculos. Ás 18:30 horas, Títeres Alacrán representará “Barrigaverde defendendo as Torres de Altamira”, unha obra pensada para o público familiar.
Poñeranse a disposición dos asistentes dous autobuses lanzadeira para acudir á representación artística e ao concerto programado. Os autocares comezarán a saír dende a carballeira de Santa Minia dirección ás Torres de Altamira a partir das 20:00 horas, e non retornarán ata rematar o último espectáculo da xornada.
A recreación teatral, “A batalla de Altamira”, correrá a cargo da compañía Os Quinquilláns, e terá lugar ás 20:30 horas. Finalmente, pechará o programa o dúo Fillas de Cassandra. Procedente de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023) acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.
Os tres espectáculos son de balde, aínda que é preciso reservar o convite previamente, premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A Maía pondrá de nuevo en valor sus Torres de Altamira con teatro, ruta y música el 10"
La Voz de Galicia: "Vuelve la fiesta histórica del Val da Maía a Ames y Brión"
AMS GO!: "Ames, Brión e a Deputación organizan unha nova edición de Altamira Brilla"