Solapas principales

Ortoño acolle este domingo a XVII Festa do chourizo ao viño, coa degustación da orella de porco cocida e a actuación de De Vacas

Lunes, 03 de julio de 2023

A parroquia de Ortoño volve a organizar, un ano máis, a súa tradicional Festa do chourizo ao viño, que se celebrará este domingo, 9 de xullo. A iniciativa, posta en marcha pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, chega á súa décimo sétima edición, acompañada da degustación da orella de porco cocida. Haberá unha misa cantada ás 12:00 horas, e a partir das 13:00 dará comezo o xantar, que estará amenizado pola banda de gaitas e baile rexional Os Castros. A xornada completarase co XVI Campionato de chave por parellas e a actuación do grupo de mariachis Sol de Galicia. Ademais, haberá inchables para os nenos e nenas, por cortesía de Tikolandia. Pechará o día de romaría o grupo de música folk De Vacas, como parte do programa “Música nas parroquias”, que promove e financia o Concello de Ames. 

Este domingo, 9 de xullo, volve a Ames unha das festas gastronómicas de maior tradición no concello, coa celebración da décimo sétima edición da Festa do chourizo ao viño, acompañada da X degustación da orella de porco cocida. A xornada, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, conta co apoio do Concello de Ames a través da Concellaría de Cultura, que achegará a Ortoño ao grupo folk De Vacas co seu programa “Música nas parroquias”, que inclúe numerosas actuacións de agrupacións tradicionais e grupos musicais.

O día de festa desenvolverase na carballeira do campo da festa e arrincará ás 12:00 horas, cunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño e da orella de porco, para a que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.

O xantar estará amenizado pola banda de gaitas e baile rexional Os Castros, e polos mariachis Sol de Galicia, que acompañarán aos asistentes durante a tarde. Xa a partir das 16:00 horas, desenvolverase o XVI Campionato de chave por parellas das festas do chourizo ao viño. As persoas que desexen participar poderanse inscribir no propio día ata as 15:30 horas. Os/as gañadores/as recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames e outras sorpresas. Ademais, para entreter á cativada, instalaranse inchables gratuítos, cedidos á organización por Tikolandia.

Por último, e para rematar a romaría, o grupo galego de música folk De Vacas actuará na propia carballeira, como parte do programa “Música nas parroquias” da Concellaría de Cultura. O cuarteto, conformado polas vocalistas Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero e polo vocalista Guillerme Fernández, fai versións en galego de temas comerciais, mudando a letra e dándolles un formato retranqueiro e divertido.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "XVII Festa do chourizo ao viño en Ortoño, Ames"

AMS GO!: "Este domingo, día 9, XVII Festa do chourizo ao viño en Ortoño"

La Voz de Galicia: "Ortoño celebra el domingo la Festa do Chourizo ao Viño con degustación de oreja de cerdo"

Imaxe de arquivo da Festa do chourizo ao viño, na edición do ano 2022

Multimedia

  • Cartel da XVII Festa do chourizo ao viño