Solapas principales

O goberno municipal realiza unha xuntanza con representantes das ANPAs dos centros educativos do concello

Jueves, 06 de julio de 2023

O pasado martes, 4 de xuño, realizouse no Salón de Plenos da Casa do Concello unha xuntanza entre o goberno municipal e as ANPAs de distintos centros educativos de Ames. Na reunión participaron o alcalde, Blas García, a nova concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, que abordaron as prioridades en materia educativa para este mandato. Pola súa banda, os representantes das ANPAs expuxeron as súas suxestións e propostas.

A Casa do Concello acolleu este martes a primeira reunión entre o novo goberno municipal e as ANPAs dos centros amesáns. Asistiron representantes do CEP de Ventín, o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, o IES de Ames, o IES do Milladoiro e a EEI do Milladoiro. Na xuntanza presentouse á nova concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, que aproveitou para facer unha análise do curso que vén de rematar e abordar coas familias os temas de máis interese e urxencia.

Así, informóuselle ás ANPAs sobre as vindeiras reunións que desexa realizar o goberno: unha ao final do curso escolar para facer balance do mesmo e outra a metade do curso, tras o período vacacional de Nadal). Tamén se lle expuxo ás familias cal é a capacidade dos comedores a nivel xeral, e destacouse que se enviará unha carta ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para solicitar unha entrevista na que se aborden as problemáticas que sofren o CEIP de Barouta e o CEIP A Maía.

A reunión acudiu tamén a concelleira de Deportes, Susana Señorís. Señorís fixo fincapé na necesidade de coordinar de xeito eficiente as Escolas Deportivas para facilitar a conciliación, adaptando a oferta de actividades á demanda existente e establecendo os horarios tendo en conta o servizo de comedor. A concelleira abordou tamén as distintas obras que se están levando a cabo nos pavillóns municipais.

Solicitudes das ANPAs
Pola súa banda, os representantes das distintas asociacións que asistiron tiveron a oportunidade de expoñer as súas suxestións e propostas ao goberno municipal. Nese senso, a ANPA do IES do Milladoiro pediu que os ciclos e módulos de Formación Profesional que se imparten no centro se impartan en coordinación coas empresas do Parque Empresarial Novo Milladoiro, de xeito que os rapaces e rapazas que o desexen poidan realizar as súas prácticas nos negocios situados no municipio.

Doutro lado, por parte da ANPA do CEIP Agro do Muíño solicitouse que volva a estar operativo o sistema de recollida libre dos nenos e nenas ata as 17:00 horas, que xa funcionaba con anterioridade. Así mesmo, pediuse cambiar e a sinalización e a localización da parada de autobús.

A ANPA da Maía sumouse á solicitude do sistema de recollida libre no seu centro. Tamén reivindicou que o Concello aporte unha soluciónn á problemática que sofre a pista inclinada do centro. Ademais, pediuse que na se instalen bandas sonoras na estrada que se atopa enfronte do colexio para garantir a seguridade viaria.

Os representantes da Escola Infantil do Milladoiro pediron poñer solución ás altas temperaturas que se rexistran no centro en época estival mediante a instalación de estores ou vinilos. Dende o goberno sinalouse que se trata dun problema de construción do edificio.

A ANPA do CEP de Ventín solicitou que as obras de mantemento se realicen durante o verán, de xeito que non interrompan as actividades durante o período lectivo. Ademais, pediron máis información dos servizos complementarios do comedor para as familias e unha sinal na parada de autobús da Rúa Palmeira.

Para rematar, fixéronse tamén dúas reivindicacións comúns e transversais a todos os centros: mellorar a privacidade das familias no tocante á utilización da aplicación Tokapp e informar ás coordinadoras dos comedores das queixas e problemáticas que poidan xurdir en horario de conciliación.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "As ANPAs trasladan as súas necesidades ao Concello na primeira reunión do mandato"

Reunión do goberno municipal cos representantes das ANPAs

Multimedia

  • Reunión do goberno municipal cos representantes das ANPAs