- Tematica
“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por terceiro ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como en anteriores edicións, as doce actividades que conforman o programa desenvólvense todos os xoves dos meses de xullo e agosto. Mañá, día 17, é a quenda dunha ludoteca familiar e da representación da obra de teatro “Chocolate”. As actividades desenvolveranse a partir das 17:30 horas en Tapia.
A ludoteca familiar correrá a cargo de Nerea Couselo. A pedagoga, educadora social e monitora de tempo libre achegará aos máis pequenos á lectura e realizará xogos para a cativada e as súas familias.
Xa ás 19:30 horas, Teatro Calavera interpretará a obra “Chocolate”, unha actividade que mestura a narración oral coa posta en escena teatral. Os protagonistas son un cociñeiro e unha pasteleira, Antón e Tomasa, aos que lles encanta cociñar moitas aventuras. Entre os dous, empregando unha receita atopada nun libro antigo, tentarán atopar o mellor chocolate do mundo.
Última actuación dos Seráns de Ames
O programa dos Seráns de Ames 2023 pecharase o día 24 de agosto co espectáculo de Brais das Hortas, que presenta “Consertasso na horta”, ás 19:30 horas, en Bugallido. Trátase dunha actuación de música e humor para toda a familia, na que teñen cabida tódolos estilos, co obxectivo de que o público baile, ría e cante.