Solapas principales

Apróbase a concesión de 30.000 euros en subvencións para a promoción de actividades das asociacións culturais do concello

Miércoles, 16 de agosto de 2023

O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión de axudas relativas á promoción de actividades das asociacións culturais locais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o goberno municipal aprobou o reparto de 30.000 euros entre un total de once asociacións. A estas subvencións puideron optar todas as entidades culturais ou veciñais do concello de Ames que realizan actividades de índole cultural. O prazo de xustificación de gastos comprende ata o día 31 de xaneiro de 2024.

A Xunta de Goberno Local aprobou un reparto de 30.000 euros entre as asociacións culturais do concello. En total, foron once as entidades que cumpriron coas condicións e que obtiveron a axuda, dun máximo do 80% do orzamento total das actividades culturais desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable. Ademais, o importe das achegas individuais concedidas non superou os 7.500 euros.

A finalidade desta liña de subvencións é achegar á cultura ao maior número de persoas, e a promoción da participación activa da veciñanza amesá neste ámbito, que representa un claro interese público. Así, promóvese una vida cultural estable no concello de Ames, non só con actividades programadas pola propia administración, senón tamén pola veciñanza e por entidades do ámbito privado.

Asociacións beneficiadas
As entidades que se beneficiaron da concesión destas axudas foron a Asociación Sociocultural Mulleres de San Xoán de Ortoño, con 172 euros; o Centro Cultural Mahía, con 4.831 euros; a Asociación de Veciños O Reguiño, con 2.282 euros; así como a Asociación Recreativa e Cultural da Festa Gastronómica do Chourizo ao Viño, con 528 euros.

Tamén recibiron a subvención a Asociación de Veciños de San Pedro de Bugallido, cun total de 2.958 euros, a Asociación Cultural Antonio Santomil, con 2.412 euros, e a Asociación Cultural Os Castros, con 4.866 euros.

Por último, o Goberno local repartiu subvencións entre a Asociación Cultural Alfombristas de Ames, á que se lle outorgaron 930 euros, a Asociación Cultural Retranqueiros, 6.083 euros; Nova Escola Galega, 3.771 euros; e Asociación Coro Son Elas, 1.167 euros.

Xustificación de gastos
Os beneficiarios das axudas deberán aportar a xustificación dun importe mínimo de gastos, correspondentes ao exercicio do ano 2023. As asociacións e comisións terán de prazo para facelo ata o día 31 de xaneiro de 2024.

Imaxe de arquivo da Casa do Concello