- Tematica
O Concello de Ames vai celebrar por quinta vez consecutiva a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2023 será celebrada do 16 ao 22 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes. Deste xeito, o programa inclúe andainas, xogos, coloquios, mostras e marchas ciclistas ao longo da semana. Este ano o lema será “Combina e móvete!” e a temática será a eficiencia enerxética.
O alcalde de Ames, Blas García, recorda a importancia das obras que o Concello está a realizar en Bertamiráns e que tamén se levarán a cabo na N-550 no Milladoiro, exemplo de como o goberno local de Ames aposta pola mobilidade sostible no entorno urbano. “As cidades son espazos que deben ser transitados máis pola xente que polos coches, o modelo debe cambiar”, apunta García, que finaliza explicando que “é responsabilidade dos gobernante crear espazos amables, seguros e saudables”.
O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Victor Fernández, destaca o peso que ten España na celebración deste evento a nivel europeo, onde están 489 concellos dos 2.989 dos totais europeos que participan nesta Semana Europea da Mobilidade.
A Policía Local anima a participar nas actividades, pero recorda que é necesario levar as medidas de protección necesarias para levalas a cabo dunha forma segura, especialmente na marcha nocturna onde o casco, as luces e o chaleco reflectante son imprescindibles.
A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Ata o momento, case 3.000 concellos europeos se sumaron á campaña deste ano, entre eles o Concello de Ames.
Actividades da “V Semana da Mobilidade”
O Concello de Ames organizará tres xornadas de actividadesl, e calquera que o desexe poderá inscribirse no correo mobilidade@concellodeames.gal.
- SÁBADO, 16: Xogos sobre rodas
Esta actividade está pensada para rapazada a partir dos 4 anos, dende as 17:00 horas ás 20:00 horas, no aparcadoiro de Agriños (en fronte a E.E.I do Milladoiro).
- DOMINGO, 17: “Andaina pola senda verde que une O Milladoiro e Bertamiráns”
Saída as 10:00 horas dende a Igrexa de San Xosé do Milladoiro. A veciñanza terá a súa disposición un bus para levar ás persoas de Bertamiráns a Milladoiro e, unha vez remate a actividade, este mesmo bus levará as persoas que o desexen de volta a Milladoiro.
- VENRES, 22: Marcha ciclista nocturna dende a Praza do Concello
Esta marcha nocturna en bicicleta é a actividade tradicionalmente máis popular e que máis lle gusta á rapazada. Tratarase dun percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida sumarse. Sairase as 22:00 horas da Praza do Concello.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Ames celebra a V Semana Europea da Mobilidade do 16 ao 22 de setembro"