Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para a XII edición do Club de Debate

Martes, 03 de octubre de 2023

Do 2 ao 31 de outubro está aberto o prazo para que os centros educativos inscriban os seus equipos na XII edición do Club de Debate. O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas máis o/a preparador/a (persoal docente ou PAS). Os equipos deben facer a inscrición a través do formulario que se facilite desde o SNL do Concello de Ames. Como novidade destacamos que este ano se aumentaron os premios das fases de zona. Serán 800 euros para o equipo mellor clasificado e 500 para o segundo. O premio da fase final é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana á que asistirán os dous equipos con maior puntuación. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de inscrición.

O Club de debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, no que participan varios concellos galegos, entre eles o de Ames, en colaboración cos centros de ensino secundario. O Club consta de varias fases de competición: fases de zona e final. Ademais, haberá unha xornada de formación para o alumnado participante. Esta xornada terá como obxectivo orientar a práctica de habilidades comunicativas e activar, motivar e ofrecer recursos para a mellora das intervencións orais públicas das mozas e mozos.

A actividade consiste nun torneo de debate por equipos, no que os debates se producen dous a dous. Cada equipo terá que preparar e defender as dúas posicións respecto ao tema proposto (a favor e en contra). Os equipos gañadores nas fases clasificatorias competirán na fase final.

O Club de Debate ten como obxectivo favorecer o uso do galego oral en contextos formais e informais. Ademais, tamén se traballa o desenvolvemento de habilidades comunicativas, da oratoria e das técnicas de documentación, e abórdanse cuestións como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte a diversidade de opinións e do traballo en equipo.

Calendario das actividades
Unha vez pechado o prazo de inscrición daranse a coñecer as zonas de competición e a sede dos debates da primeira fase. Posteriormente, entre o 9 e o 20 de xaneiro de 2024 impartirase unha xornada de formación conxunta de catro horas para os membros dos equipos. No mes de febreiro faranse os debates das fases de zona. Serán os días 27 e 28 de febreiro en xornada de mañá e tarde (se o número de equipos requirira un terceiro día de debate, engadiríase o 29). Os debates da fase final está previsto que sexan o 13 de abril de 2024, tamén en xornada de mañá e tarde.

O tema da fase final decidirase entre os concellos organizadores e tratará sobre algunha cuestión relacionada coa lingua. Na fase de zona debaterase sobre un tema específico, controvertido e de actualidade. Os centros anotados poden enviar propostas aos servizos de normalización lingüística e, entre todos/as, escollerase o tema desta edición.

Premios do Club de Debate
Na fase de zona haberá dous premios, un de 800 euros para o equipo gañador e outro de 500 euros para o segundo. Ademais os equipos gañadores da fase de zona pasarán á fase final. Como novidade nesta edición aumentaron o importe dos premios das fases de zona. O premio da fase final é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana á que asistirán os dous equipos con maior puntuación (máximo 20 persoas) e na que se incluirán contidos culturais e lingüísticos.

Inscricións dos centros de ensino
O Club de debate está dirixido a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas. A inscrición estará aberta ata o 31 de outubro, os equipos interesados teñen que cubrir este impreso para formalizar a súa inscrición.

Para dispor de máis información sobre esta actividade e o seu desenvolvemento, pódese acceder á páxina de Facebook "Club de Debate" ou ao perfil de Instagram “Club de Debate_Galicia”.

Cartaz da XII edición do Club de Debate

Multimedia

  • Cartaz da XII edición do Club de Debate