- Tematica
O Concello de Ames volve a colaborar unha vez máis coa asociación ANEDIA. Desta volta para acoller a presentación dun novo volume da colección “Os Bolechas, Amigas e amigos con diabetes”, un novo libro que fala de campamentos, de actividades cos amigos e tamén da tecnoloxía que está presente nas súas vidas. Trátase dunha ferramenta coa que visibilizar e sensibilizar.
O alcalde, Blas García, manifestou a súa satisfacción por colaborar coa asociación ANEDIA unha vez máis, coa cal o Concello de Ames xa traballou na organización de actividades polo Día Mundial da Diabetes ou en charlas e contacontos organizados nos centros educativos de Ames. García resalta tamén a importancia de normalizar esta patoloxía e concienciar aos máis novos a través da cultura, especialmente por medio da serie infantil “Os Bolechas”, un auténtico expoñente da cultura galega creado por Pepe Carrero con máis de 550 títulos e máis dun millón e medio de exemplares distribuídos dende o ano 2000: “A cultura é unha peza clave á hora de inculcar valores, a unión ANEDIA e Os Bolechas é unha gran noticia, pois mestura un gran propósito cun fantástico medio para difundilo”.
A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, coincide na importancia desta publicación, e máis “nun concello como o de Ames, o único concello de Galicia que medra e, polo tanto, ten un gran volume de poboación infantil que necesita ser educada e informada en temas coma este, pois dende o primeiro ciclo educativo ata bacharelato existen rapaces e rapazas con diabetes”.
María José Rego explica que este libro axuda a informar ao máis mozos sobre esta enfermidade pois “son máis de 1.100 os rapaces e rapazas que padecen esta enfermidade nas aulas galegas e é necesario explicarlles a todos que unha persoa con diabetes pode facer o mesmo que outra que non, aínda que lle supoña un esforzo extra e conte coa axuda da tecnoloxía”.
Este libro é posible grazas a unha subvención concedida pola Deputación da Coruña, representada pola deputada Natividade González. Ademais, este novo volume ten un valor engadido, xa que grazas á colaboración de Dexcom, esta publicación está dispoñible en dous idiomas, galego e castelán.
Non é a primeira vez que o Concello de Ames e maila asociación ANEDIA colaboran xa que no ano 2021 as Bibliotecas municipais de Ames recibiron dous lotes de libros de Os Bolechas, un deles titulado “Os Bolechas saben o que é a diabetes” e o outro, “Manuela é nova na escola, Medrando coa diabetes”. Con esta doazón feita pola asociación ANEDIA, preténdese que os rapaces e rapazas se informen, dunha maneira adaptada a súa idade, sobre a diabetes. Os exemplares pódense consultar nas Bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro.
Asociación ANEDIA
A Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia naceu co obxectivo de traballar pola integración real e total de todos os rapaces e rapazas que sofren esta enfermidade.
Na escola, un espazo onde os máis pequenos pasan moitas horas, é preciso que todos os alumnos e alumnas coñezan esta doenza para facilitar o día a día de quen a padece. Para facilitar esta formación, ANEDIA contaba con tres libros infantís dos Bolechas, de Pepe Carreiro, como ferramentas para visibilizar e concienciar sobre a diabetes aos que temos que engadirlles este novo título. Dende o 2019, ano no que veu a luz o primeiro libro, o alumnado con diabetes nas aulas galegas aumentou máis dun 32%. Un aumento cada vez máis significativo, e que fai que en concellos como o de Ames cunha gran poboación infantil, existan rapaces con diabetes en todas as etapas educativas, dende infantil ata bacharelato.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Os Bolechas se vuelcan con la diabetes y lo demuestran en Milladoiro con una nueva obra"
La Voz de Galicia: "Presentan en O Milladoiro el último cuento de «Os Bolechas», dedicado a los niños con diabetes"
Ames Go: "Os Bolechas chegan ao Milladoiro para concienciar sobre a diabetes"