- Tematica
Este xoves, 12 de outubro, tivo lugar unha andaina conmemorativa entre Compostela e Ortoño, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do Seminario de Estudos Galegos hai 100 anos. A ruta, que se prolongou durante máis de tres horas, contou coa participación do alcalde de Ames, Blas García, que tamén foi o encargado de realizar a ofrenda floral fronte á placa que lembra a creación do seminario; así como de diversos membros da Corporación municipal e de personalidades do mundo cultural e de representantes das distintas institucións organizadoras.
Arredor dun cento de persoas conmemoraron este xoves, día 12, o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, percorrendo diversos puntos clave da cidade de Compostela e chegando ata a parroquia de Ortoño, en Ames.
A saída realizouse ás 9:30 horas dende a Alameda de Santiago, e chegouse a Ortoño pasadas as 12:30 horas do mediodía. Posteriormente desenvolveuse un acto institucional coa lectura dun manifesto conxunto de todas as institucións participantes e houbo unha ofrenda floral diante da placa conmemorativa do SEG, a cargo do alcalde de Ames, Blas García, e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
A andaina contou tamén coa participación de diversos responsables das distintas institucións organizadoras, como o máximo responsable da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Por parte da USC acudiu o reitor, Antonio López.
Para rematar tivo lugar unha romaría na Carballeira de Ortoño con música a cargo do grupo tradicional Os Retranqueiros e un xantar popular.
Congreso «Saber de nós: cen anos do Seminario de Estudos Galegos»
Na véspera do roteiro, o 11 de outubro, desenvolveuse tamén o congreso «Saber de nós: cen anos do Seminario de Estudos Galegos», que se centrou na importancia do SEG no seu momento, nas súas vicisitudes históricas, no impacto na cultura de Galicia do século XX e na vixencia do seu legado.