Solapas principales

O Concello presenta o novo curso do programa de envellecemento activo, o Amessan

Lunes, 16 de octubre de 2023

A Casa do Concello de Bertamiráns acolleu a presentación dunha edición máis do programa Amessan 2023-2024, a iniciativa que comprende unha ampla oferta de actividades saudables para maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional. Os distintos cursos impartiranse en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tapia, Tarroeira, Trasmonte e Oca. Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 630 693 404. As anotacións tamén poden realizarse de xeito presencial no Centro Social do Milladoiro (hoxe, día 16, e mañá, día 17) ou na Casa dos Maiores de Bertamiráns (o 18 e 19 de outubro). Ao acto de presentación acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos; e Yago Rey, da empresa Esproade, concesionaria do servizo.

Un curso máis arrinca a programación do Amessan, que este ano inclúe obradoiros de manualidades, de memoria e de “fío e agulla”, así como de música tradicional galega. Tamén se oferta ximnasia terapéutica, clases de guitarra e canto coral. Por outra banda, vólvense a poñer en marcha actividades como a musicoterapia, a bailoterapia ou o baile en liña, novidades das anteriores edicións que lograron gran éxito.

Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 630 693 404. As anotacións tamén poden realizarse de xeito presencial no Centro Social do Milladoiro, no local do antigo centro de saúde (hoxe, día 16, e mañá, día 17); ou na Casa dos Maiores de Bertamiráns (o 18 e 19 de outubro). O horario de atención será de 16:00 a 20:00 horas.

A prazas iranse cubrindo por orde de inscrición, e haberá un número mínimo de persoas para crear grupos de cada actividade. Cada persoa poderá anotar a un máximo de 2 participantes (incluída ela mesma). Poderase facer unha inscrición cun máximo de 3 actividades (sen contabilizar musicoterapia, guitarra e canto coral).

Acto de presentación
Á presentación desta edición acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos; e Yago Rey, da empresa Esproade, concesionaria do servizo.
A edila de Benestar Social, Uxía García, sinalou que “este programa, que vai dende outubro ata finais de xuño, está destinado a maiores de 60 anos e a persoas con algún tipo de discapacidade. Como novidade, este ano modificáronse algúns grupos de traballo e abriuse algunha actividade en núcleos rurais nos que antes non estaba dispoñible. Esperamos que teña boa acollida e que siga sendo o programa exitoso que leva sendo estes 10 anos”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, expresou que “esta iniciativa é unha das máis importantes e potentes que temos no concello de Ames, e lévase desenvolvendo dende fai moito tempo. Cada ano intentamos melloralo e amplialo, e na anterior edición contamos con máis de 600 usuarios maiores de 60 anos ou con algún tipo de discapacidade”.

García tamén destacou que “Ames ten a honra de ser o concello máis novo de Galicia, pero iso non quere dicir que deixemos de lado aos maiores, ao revés, traballamos constantemente polo seu benestar e que poidan saír da casa para relacionarse con xente da súa idade. Agradecemos o traballo tanto da empresa, Esproade, como do departamento, que representan o técnico Rubén Ramos e a concelleira Uxía García”.

Envellecemento activo e atención a persoas con diversidade funcional
O responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos, detallou como se vai desenvolver ao longo deste ano esta iniciativa. “O programa Amessan é un dos programas de bandeira dentro do concello de Ames. Ten varias vertentes, sendo a máis destacada de todas elas o envellecemento activo. A intención desta Concellaría é espallar as actividades por todo o territorio, por iso abrimos outro grupo na parroquia de Tapia. O ano pasado foi a primeira vez que desdobramos as actividades en dous grupos (senior e supersenior), para atender de forma máis específica á xente que se atopa en distintos estados tanto físicos como psíquicos. Nesta ocasión decidimos traballar dunha forma máis intensa na atención a xente con discapacidade, reformulando dalgunha forma o que é o programa Amessan”, explicou.

Ramos fixo tamén fincapé na intención de facilitar que todos os interesados se poidan inscribir: “este ano temos inscricións presenciais porque sabemos das dificultades que poden ter as persoas maiores para achegarse as novas tecnoloxías, e tamén habilitamos un teléfono para aquela xente que necesite información”.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Amessan comeza o 6 de novembro"

Presentación do Amessan na Casa do Concello

Multimedia

  • Cartaz do programa do Amessan
  • Presentación do Amessan na Casa do Concello