Solapas principales

Comezaron en Ames os obradoiros da sétima edición do certame Enreguéifate

Lunes, 30 de octubre de 2023

A sétima edición do Enreguéifate botou a andar no concello de Ames cos obradoiros nos centros de ensino. Unhas sesións formativas que teñen como obxectivo achegar a arte da improvisación oral á rapazada e animar ás e aos escolares a participar no certame de regueifas en vídeo. O prazo de participación no certame estará aberto do 12 de xaneiro ao 1 de marzo de 2024 e poderá facerse dende a páxina web do certame, onde xa están dispoñibles tamén as bases.

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces son este ano as persoas encargadas de impartir as dez sesións do obradoiro de regueifa nos colexios e institutos de Ames. Comezaron o venres, 20 de outubro, no CEIP Agro do Muíño. O 23 e o 25 deste mes tocoulle a vez ao CEIP Ventín, e este xoves 26 continuouse cos obradoiros no IES Plurilingüe de Ames-Bertamiráns. O venres 10 de novembro celebraranse no IES do Milladorio os dous últimos obradoiros previstos para o Concello de Ames.

Que é o Enreguéifate?
Enreguéifate é un proxecto, impulsado polos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Igual que nas edicións anteriores, neste sétimo ano do certame volverá haber dúas categorías no concurso: xeral e escolar, con seis premios en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

Os premiados recibirán o seu galardón na gala de entrega de premios que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o mércores, 3 de abril de 2024.

Obradoiro impartido no CEIP Agro do Muíño

Multimedia

  • Obradoiro impartido no CEP de Ventín
  • Obradoiro impartido no CEP de Ventín
  • Obradoiro impartido no CEP de Ventín
  • Obradoiro impartido no CEIP Agro do Muíño
  • Obradoiro impartido no CEIP Agro do Muíño
  • Cartel Enreguéifate 2023-2024
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for