Solapas principales

Aberto o prazo para que os establecementos comerciais se adhiran á campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”

Martes, 05 de diciembre de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano, que leva por nome “Bonos Consuma”, busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. Ata o de agora hai 73 establecementos adheridos a campaña. O vindeiro venres, 8 de decembro, remata o prazo para que os establecementos comerciais se adhiran á campaña. Posteriormente, os bonos estarán dispoñibles na aplicación móbil para a súa descarga desde o 15 de decembro de 2023 ata o 31 de xaneiro de 2024.

Esta semana, o 8 de decembro, remata o prazo para que os distintos establecementos comerciais se inscriban no programa de incentivos ao comercio a través de bonos de desconto impulsado polo Concello de Ames a través da Concellería de Promoción Económica. Nesta edición da campaña trátase de implicar ao sector hostaleiro, ademais dos establecementos comerciais, xa que o mes de decembro é unha época de numerosas comidas e ceas coa familia e con amigos/as. Tamén se poden aproveitar estes bonos para mercar produtos e agasallos de Nadal.

A concelleira de promoción Económicas, Ana Belén Paz, explicou que “nesta campaña de Bonos consuma póñense en circulación 61.000 euros repartidos en bonos cun valor de 50 euros. Esta contía irase reducindo en función da compra realizada. Os bonos están dirixidos tanto á veciñanza de Ames coma a aquelas persoas doutros concellos que compran no noso concello. Para esta campaña creamos unha páxina web e unha aplicación móbil tanto para que os establecementos que estean interesados se adhiran á campaña, coma para que as persoas que queiran dispor dos bonos os poidan descargar Deste xeito, seguimos impulsando o comercio e maila hostalaría local”.

Campaña de promoción do comercio local
A campaña Bonos Consuma busca promocionar os sectores do comercio e a hostalería de Ames, para reactivar a economía do municipio impulsando o consumo nos establecementos locais. Aqueles establecementos que estean interesados en adherirse ao programa teñen ata o vindeiro 8 de decembro para rexistrarse na web http://www.bonosconsuma.gal/. Todos os comercios participantes contarán cun adhesivo que os acredite como establecementos colaboradores.

Características dos Bonos Consuma
O obxectivo desta iniciativa é ter un impacto positivo no comercio local, promovendo que a veciñanza faga as súas compras de Nadal nos distintos establecementos do concello. Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 50€ para as compras que se fagan nos establecementos adheridos, e poderase usar ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

Como vai funcionar este desconto? O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada:
-Desconto de 5€ en compras iguais ou superiores a 10€, e inferiores a 30€.
-Desconto de 10€ en compras iguais ou superiores a 30€, e inferiores a 50€.
-Desconto de 15€ en compras iguais ou superiores a 50€.

Unha convocatoria con novidades
A campaña comezou o pasado 23 de novembro, coa apertura das inscricións para que se adhiran todos os establecemento interesados en participar, e prolongarase ata o 31 de xaneiro de 2024.

Este ano destinaranse, en convenio con Abanca, un total de 80.000 euros aos Bonos Consuma. A maior parte deses fondos vaise destinar a axudas directas para a adquisición dos bonos, pero unha parte está destinada a sufragar dúas das novidades máis importantes desta convocatoria: a creación dunha páxina web (www.bonosconsuma.gal) e dunha aplicación móbil. O obxectivo principal destas ferramentas é que supoñan unha descarga de traballo para os comerciantes, pois a aplicación dos descontos farase a través de códigos QR.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan de Bonos Consuma atrae a 73 pequeños negocios amienses"

Ames Go: "Aberto o prazo para que os comercios e locais de hostalería se sumen á campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma” de Ames"

Cartaz da campaña Bonos Consuma
Descargas: 

Multimedia

  • Cartaz da campaña Bonos Consuma