- Tematica
A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 128.420 euros as obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Biduído, no concello de Ames. As obras mellorarán a seguridade peonil na estrada DP 0206 á altura do PQ 2+000. Construirase un itinerario peonil seguro cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho.
A actuación proxectada está encamiñada á creación dun itinerario peonil continuo e segregado cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho. O pavimento estará composto de 20 cm de xabre e 15 cm de formigón desactivado para deixar o árido descuberto.
Tamén se creará unha pequena superficie para facilitar o estacionamento de vehículos entre a senda e a estrada, empregando xabre e formigón con mallazo.
O alcalde de Ames, Blas García, agradécelle á Deputación da Coruña “este investimento de preto de 130.000 euros que vai mellorar a seguridade peonil na estrada DP 0206 ao seu paso pola parroquia de Biduído. Construirase un itinerario peonil seguro na contorna da igrexa”.
No treito de senda que discorre entre o acceso á igrexa e a súa conexión coa beiravía da estrada acondicionarase o recheo con terra vexetal e a plantación de céspede. A restauración do vexetal dos noiros resultantes do movemento de terras realizarase mediante hidrosementeira.
Para a rede de drenaxe empregarase canalización soterrada de PVC, pozos de rexistro e sumidoiros. No extremo exterior da senda disporase un bordo de delimitación para o encanamento da escorrentía superficial. Será preciso executar a ampliación dunha obra de drenaxe con tubo de formigón armado, arqueta para colector con reixa e embocadura e aletas con encachado de pedra e a cuberta dunha obra de drenaxe mediante unha arqueta de tres parámetros.
As actuacións completaranse coa colocación dunha varanda modular en aceiro inoxidable para a contención dos peóns e catro bancos formados por dous dados de pedra granítica e asento en listóns de madeira.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Adjudicada la obra para una senda peatonal en Biduído, Ames"
Lindeiros: "A Deputación adxudica as obras da nova senda peonil de Biduído en Ames"