Solapas principales

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a obra de teatro “Esas cousas marabillosas”

Martes, 19 de marzo de 2024

O departamento de Cultura do Concello de Ames propón para este venres unha peza teatral dirixida a público adulto. A programación cultural de 2024 continúa o venres, 22 de marzo, ás 20:30 horas, coa obra de teatro “Esas cousas marabillosas”. O espectáculo, producido por Empatía Teatro, está dirixido a un público adulto e conta unha historia de case tres décadas que comeza cunha muller no hospital despois de intentar suicidarse. Os entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Este venres, 22 de marzo, o auditorio da Casa da Cultura do Bertamiráns acolle a obra “Esas cousas marabillosas” ás 20:30 horas. Este é o sétimo dos 12 espectáculos que integran a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”. Deste xeito, o Concello de Ames propón para este venres teatro dirixido a público adulto.

Sinopse de “Esas cousas marabillosas”
A obra comeza cando o público vai entrando na sala e é recibido polo actor protagonista. Dálles a benvida, axúdaos a se acomodar, e dálles un papeliño que vai xogar no espectáculo. Cando empeza o espectáculo, o público xa leva un cacho dentro del sen sabelo e algúns cun papeliño na man.

Cóntase unha historia de case tres décadas que comeza cando… mamá está no hospital: «Fixo unha parvada”, di papá, porque: “resúltalle difícil ser feliz”. Esta primeira tentativa de suicidio de mamá fai que o fillo (o protagonista), de sete anos daquela, comece a facer unha lista de todo o que é marabilloso no mundo. Todo polo que vale a pena vivir. Deixa a lista na almofada de mamá co titulo “Todas esas cousas marabillosas”… Mamá leuna, sábese porque corrixiu a ortografía.

Con moitos personaxes e moitas situacións, que se desenvolven ca axuda e a complicidade necesarias do público, constrúese esta peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente a que amamos.

Empatía Teatro
Empatía Teatro nace en 2021 da man do actor e publicista galego Elisardo de la Cruz. Tras o seu paso pola Escola Municipal de Arte Dramático de Madrid, Teatro do Andamio, Bartoleta Teatro e a Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, “Esas Cousas Marabillosas” é a sua primeira produción profesional.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres a obra de teatro “Esas cousas marabillosas”

Multimedia

  • Cartaz da obra "Esas cousas marabillosas"
  • Cartaz do Ames Cultural 2024