Solapas principales

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres a obra de teatro “Voa Voa”

Miércoles, 03 de abril de 2024

O departamento de Cultura do Concello de Ames propón para este venres unha peza teatral dirixida a público familiar. A programación cultural de 2024 continúa o venres, 5 de baril, ás 18:00 horas, coa obra de teatro “Voa Voa”. O espectáculo, producido por Talía Teatro, está dirixido a un público familiar e pretende ser unha invitación a recuperar ditos, retrousos e xogos populares para transmitirllos aos máis pequenos da casa. Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles que se poden adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. Ademais, o departamento de Bibliotecas organiza para este xoves 4 de abril, ás 18:00 horas, a presentación do libro "Voa Voa", de Artur Trillo.

Este venres, 5 de abril, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a obra “Voa Voa” ás 18:00 horas. Este é o oitavo dos 12 espectáculos que integran a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”. Deste xeito, o Concello de Ames propón para este venres teatro dirixido a público familiar.

Sinopse de “Voa Voa”
Voa, voa! é un espectáculo dirixido especialmente ao público infantil pero para desfrutar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras.

Todas as tardes despois de merendar Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa.

Trátase dunha montaxe na que se propón recuperar ditos, retrousos, xogos de man,...toda unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Un espectáculo para incentivar a xogar, pero sobre todo incentivar ás familias (nais, pais pero sobre todo avoas e avós) a furgar na súa memoria para recuperar e transmitir os seus xogos da infancia e o vocabulario que se empregaba.

Talía Teatro
Talía Teatro é unha compañía creada en 1988 cun selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe, que definen un estilo e unha forma característica de facer teatro.

Actualmente, esta compañía é unhas das compañías galegas con máis capacidade de produción e distribución. A través das súas representacións buscan, desde os seus inicios, a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais de Galicia.

Presentación do libro “Voa Voa”
Por outra banda, o departamento de Bibliotecas organiza este xoves 4 de abril, ás 18:00 horas, a presentación do libro "Voa Voa", de Artur Trillo. O acto será na biblioteca de Bertamiráns e está dirixido a público familiar. Ademais, sortearanse entradas para a obra de teatro homónima que se representará o venres 5 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres a obra de teatro “Voa Voa”

Multimedia

  • Cartaz da presentación do libro "Voa Voa"
  • Cartaz do Ames Cultural 2024