Solapas principales

Bugallido celebra durante o mes de abril un ciclo de xornadas sobre saúde

Miércoles, 03 de abril de 2024

A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza ao longo do mes de abril un ciclo de xornadas sobre saúde  baixo o lema «Mes da saúde en Bugallido». O ciclo, que consta de catro xornadas, contará coa participación de  recoñecidos expertos en benestar emocional, prevención de cardiopatías e alimentación saudable; así como na relevancia da investigación científica no ámbito da saúde.

Un estado de saúde óptimo comporta numerosos beneficios, tanto na nosa vida persoal como laboral. Por este motivo, a Asociación Veciñal de Bugallido por en marcha o ciclo “Mes da saúde en Bugallido, que se estenderá durante todo o mes de abril e no que participarán recoñecidos expertos de diversas áreas relacionadas coa saúde e o benestar.

As catro xornadas que conforman o ciclo terán lugar todos os xoves do mes de abril, ás 19.30 h, no local social do Centro Cultural Mahía de Bugallido. A entrada será libre ata completar aforo.

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, incidiu na “importancia que ten o coidado da mente, por iso é importante a organización de actividades coma este ciclo de xornadas sobre saúde, no que se abordan diferentes eidos como o benestar emocional, a prevención de cardiopatías e a alimentación saudable. Son cuestións importantes para reducir e evitar o estrés, a ansiedade e incluso a depresión. Ademais, contarase coa presenza de Ángel Carracedo, que falará da relevancia da investigación científica no ámbito da saúde”.

Programa
O “Mes da Saúde en Bugallido” comeza este xoves 4 de abril, co relatorio “Saúde mental: ansiedade e depresión. Claves para unha boa saúde mental”. Será impartido por Alberto Ramos Caneda,  psiquiatra da Unidade de Saúde Mental de Carballo. Nesta xornada ofreceranse algunhas recomendacións para reducir o risco de padecer ansiedade, depresión ou mesmo pensamentos suicidas, así como para prestar unha maior atención ao noso benestar individual a través do autocoidado, especialmente importante no caso das mulleres.

A segunda conferencia será “Cardiopatía isquémica. Como podemos previla?”, o xoves 11 de abril. Nesta ocasión, a encargada de impartila será Amparo Martínez Monzonís, coordinadora da Unidade de Imaxe Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

O xoves 18 de abril estará en Bugallido Olaya Fernández Seijas, nutricionista do Servizo de Atención Primaria de Bertamiráns e Brión, para dirixir o relatorio “Hábitos de alimentación saudable”.

Finalmente, o 25 de abril, o encargado de pechar o ciclo será o recoñecido catedrático de Medicina Legal e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, cunha charla-coloquio na que poderán participar todos os presentes.

Bugallido celebra durante o mes de abril un ciclo de xornadas sobre saúde

Multimedia

  • Bugallido celebra durante o mes de abril un ciclo de xornadas sobre saúde